A Romaxe volverá a Aguiño

BARBANZA

O pobo ribeirense dará cabida, por terceira vez, á reunión de crentes galegos en setembro do 2009

06 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O pobo de Aguiño, a través da Asociación Cultural, Veciñal e Recreativa Francisco Lorenzo Mariño, conseguiu que se atendera a súa petición para dar cabida á principal reunión que de xeito anual celebran os crentes galegos, a Romaxe. A cita está fixada para o 12 de setembro do 2009.

A entidade que preside Unai González aproveitara a xuntanza que o ano pasado se celebrou en Mazaricos para trasladarlle á asociación Irimia e á Coordinadora de Crentes Galegos unha solicitude, co fin de que Aguiño puidese acoller a trinta e dúas edición da Romaxe. O pasado sábado, no marco dunha reunión desenvolvida no Pazo de Galegos de Frades, os directivos do colectivo Francisco Lorenzo e os vinte veciños que os acompañaron recibiron a boa noticia. A petición foi aceptada por unanimidade.

A do ano que ven será a terceira Romaxe que teña como escenario o pobo ribeirense. Con anterioridade, celebrárase no 1979 e no 1995, converténdose Aguiño na primeira localidade de Galicia que deu cabida en máis dunha ocasión á principal reunión de crentes galegos. De conseguir este logro encargárase Francisco Lorenzo Mariño, párroco falecido hai catro anos que foi fundador de Irimia e da Coordinadora de Crentes Galegos.

Cinco mil persoas

A Romaxe é unha reunión itinerante que se leva celebrando na comunidade galega dende o ano 1978. Nela participan numerosas asociacións e entidades cristiás, así como colectivo culturais, sociais, veciñais e recreativos. De feito, a cada unha destas xuntanzas soen acudir máis de cinco mil persoas.

Esta iniciativa foi creada por curas e teólogos da época, xunto co movemento asociativo e galeguista. O obxectivo que perseguían os impulsores da Romaxe era galeguizar a Igrexa e conseguir que se achegara máis á xente. Estas xuntanzas son sempre itinerantes e vanse rotando por distintas localidades co fin de promover o coñecemento da terra galega e estender os contactos entre a xente nova.

As actividades que integran estas reunións teñen lugar ao aire libre. Entre elas destacan a acollida, unha misa de campaña singular, xa que ten texto propio e música, e un xantar compartido. A Romaxe conclúe coa oración da tardiña, que soe celebrarse nunha capela ou nun templo. Ata a actualidade, 20 vilas galegas deron cabida a esta xuntanza.