Madrid rendeuse ante o poderío dos mexillóns de Arousa Norte

BARBANZA

Marcáronse como reto non pasar desapercibidos durante a súa estancia na cidade madrileña e os oito traballadores da mancomunidade que percorreron ao longo de tres días as rúas da capital española regresaron onte a terras barbancesas coa satisfacción de ter superado con creces dito obxectivo. Enfundados en disfraces de mexillóns e dun bateeiro, os empregados da entidade supramunicipal lograron que os madrileños se renderan ante o poderío do negro molusco e, polo tanto, dos atractivos turísticos da zona.

Ao longo do seu percorrido polas prazas e rúas da capital, o persoal de Arousa Norte interpretou diversas coreografías coa temática do mexillón como nexo de unión e coa Rianxeira como pano de fondo. A xerente da mancomunidade, Fátima Rodríguez, destacou que foron moitos os viandantes que se animaron a sumarse aos bailes e aos cánticos: «Conseguimos que un vagón enteiro do metro cantara con nós e arrancamos fortes aplausos dos peóns, que incluso nos pediron bises en máis dunha ocasión».

De feito, os mexillóns de Barbanza estarán a partir de agora nos álbums de fotografías de moita xente, xa que o persoal da mancomunidade tivo que posicionarse en numerosos mostradores de Fitur para que os visitantes tiveran a posibilidade de inmortalizalos mediante unha instantánea.

Incluso os catro alcaldes barbanceses, que o xoves acudiron ao recinto Juan Carlos I para participar no acto promocional que Arousa Norte desenvolveu no marco da feira internacional de turismo, non dubidaron en sumarse aos cánticos dos mexillóns na viaxe de regreso á capital madrileña que fixeron en metro.

Esforzo común

O máis salientable da experiencia foi que todos os que participaron nela tiñan como único obxectivo conseguir que Barbanza lograra romper fronteiras e que, a partir de agora, estivera na mente dun bo número de persoas á hora de buscar un destino para os seus períodos vacacionais. De feito, este reto agrupou a todos os empregados de Arousa Norte, xa que dos oito que se disfrazaron, so dúas son animadoras turísticas. Pero, aínda que non é o seu labor dentro da mancomunidade, tanto a xerente como o deseñador gráfico, a relacións públicas e a administrativa non dubidaron en enfundarse en orixinais vestimentas para chamar a atención dos madrileños.

Destacable é tamén o éxito que tiveron os pins con forma de mexillón confeccionados polos alumnos que participan nos obradoiro da asociación de discapacitados Amicos. O persoal de Arousa Norte repartiu un milleiro de broches entre aquelas persoas que responderon correctamente a varias preguntas formuladas sobre as terras de Barbanza. Os traballadores da mancomunidade tamén premiaron con este obsequio aos viandantes que se sumaron as súas coreografías.