Coa ollada dos discapacitados

Chechu López

BARBANZA

O Instituto Campo de San Alberto acolle estes días unha mostra de Amicos sobre actividades de integración

22 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha cadeira de rodas, un balón sonoro e un libro editado en braille son algúns dos obxectos que permiten que estes días os alumnos do Instituto Campo de San Alberto, de Noia, se acheguen ao modo de vida dos discapacitados e se metan na súa pel para comprobar como con estes apoios eles poden desenvolver unha vida máis normalizada. Esta iniciativa chega á vila noiesa da man do proxecto Integraescola e a exposición Con ciencia, que proseguen a súa andaina pola bisbarra, e que a vindeira semana se exhibirán no Centro de Interpretación do Castro de Baroña.

Ademais dos avances que supoñen as aplicacións das novas tecnoloxías e os apoios na redución das limitacións físicas e psíquicas destas persoas e, en consecuencia, na consecución dunha mellor integración social e laboral, os escolares puideron descubrir a repercusión que teñen os obradoiros formativos para facilitarlles o desenvolvemento de actividades na súa vida cotiá.

Concienciación

O obxectivo dos organizadores desta exposición é que os escolares e os adultos se decaten da discriminación á que se ven sometidos estes cidadáns. Tamén pretenden fomentar e provocar de maneira activa e participativa a concienciación da poboación máis nova en relación coas persoas con discapacidade e a súa problemática.

Do mesmo xeito, queren fomentar que os futuros investigadores reflexionen sobre a necesidade de descubrir novos apoios para os discapacitados.

Neste sentido, sobresaen a elaboración de obxectos de barro, de abelorios, de marmeladas, o cultivo de produtos da horta en invernadoiro e o manipulado de alimentos, que deixaron abraiados a moitos dos que xa a puideron visitar. Segundo explicaron os monitores de Amicos, trátase de presentar os hábitos que adquiren estas persoas, especialmente as que teñen unha maior autonomía, nos talleres formativos e ocupacionais.

No acto inaugural estiveron presentes a concelleira de Servizos Sociais, Loli Caramés; a psicóloga de Amicos, Pilar Sampedro, e o director do centro educativo, Julio Caamaño. Este último manifestou que estaban encantados por colaborar con esta asociación na difusión de todos estes mecanismos e dos produtos e obxectos elaborados por discapacitados. Asimismo, o director do centro confía en seguir facéndoo no futuro. Caamaño salientou que os mozos do instituto se involucran moito nesta iniciativa e que conseguiron cambiar pouco a pouco a súa visión sobre as persoas con limitacións físicas e psíquicas.

Balance

Pola súa parte, Pilar Sampedro non deixou pasar a oportunidade para destacar que o ano pasado foron máis de 4.000 persoas as que pasaron pola exposición nos concellos do Barbanza, e que espera que durante a súa exhibición en Noia, Porto do Son, Dodro e Rois reciba arredor de 3.000 visitantes. Tamén subliñou que en marzo se exhibirán na aula sociocultural de Vite e no edificio administrativo da Xunta. A exposición Con ciencia, que ten coma lema Eu son capaz de..., conta cunha subvención de 20.000 euros aportada pola Consellería de Innovación e Industria e outros 6.000 procedentes de La Caixa.