Unha axuda concedida pola Concellería de Cultura permitiulle á banda de música adquirir uns timbais
16 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Os membros da banda de música de Boiro incluíron un novo son ao seu amplo repertorio. Trátase dos golpes secos ou resoantes que é capaz de emitir ese vistoso instrumento, sobre todo polo seu tamaño e forma, que son os timbais. A adquisición deste elemento foi posible grazas a unha subvención concedida polo Concello boirense.
Os fondos saíron concretamente da partida económica que ten asignada a Concellería de Cultura, que coordina o edil Gerardo Piñeiro, con cargo aos orzamentos do ano 2007. Este departamento municipal concedeulle á banda de música unha subvención de 6.300 euros. O director da agrupación, José Luis Miranda Sueiro, confirmou que esta cantidade foi insuficiente para sufragar os timbais: «Custaron un pouco máis, pero a axuda do Concello foi fundamental para afrontar este gasto».
Esta adquisición permítelle á agrupación musical incrementar os seus fondos, no que a instrumentos se refire. De feito, a día de hoxe son propiedade da banda a maior parte dos útiles que o colectivo utiliza, incluíndo a vestimenta dos seus integrantes. Entre os elementos máis destacados atópanse toda a familia de percusión, a batería ou as tubas.
Recadación de fondos
José Luis Miranda recoñece que a compra de moitos destes instrumentos foi posible grazas ao esforzo dos propios integrantes da banda: «Fomos adquiríndoos pouco a pouco, a través das axudas económicas que recibimos e dos fondos que conseguimos reunir coas actuacións que levamos a cabo, sobre todo no verán».
A agrupación boirense, que iniciou a súa andaina no 1981, ten na actualidade 45 músicos, que a día de hoxe se están dedicando fundamentalmente a ensaiar e renovar o repertorio de cara ás actuación do verán: «Esta é unha época relativamente parada, xa que nesta zona as festas celébranse no período estival. A actividade soe arrancar nos meses de abril ou maio», explicou Miranda Sueiro.
Iso si, os amantes deste tipo de música teñen a posibilidade de acudir aos concertos que o grupo boirense leva a cabo mensualmente na localidade.
Como ocorreu nos dous últimos anos, está previsto que no vindeiro mes de xullo teña lugar o festival de bandas de música. O obxectivo é que, ademais da agrupación de Boiro, participen neste encontro un grupo de Galicia e outro de fóra da comunidade.