Sen tempo para aburrirse

Sara Ares

BARBANZA

A programación cultural de Noia para estas festas inclúe concertos, charlas, obradoiros e competicións

20 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Difícil será atopar unha escusa que xustifique que en Noia non hai actividades nas que investir o tempo libre, polo menos durante as vacacións de Nadal. O programa deseñado polo departamento de Cultura e Deportes ofrece múltiples opcións nas que empregar os intres de ocio e onte a concelleira Loli Caramés debullou todos os detalles do cartel e o fixo en presenza de representantes de clubs e entidades da vila.

A música xoga un papel importante. Mañá, na casa de cultura, ás 20.30 horas, haberá un concerto do conservatorio a beneficio de Cáritas e, o 23, no Coliseo Noela, ás oito do serán, a banda municipal de Noia renderá unha homenaxe a Prudencio Romo.

No que atinxe ao teatro, compre sinalar que haberá actuacións dirixidas aos mías pequenos os días 21, 22, 28, 29 e 30. As compañías que visitarán a vila serán Os Quinquilláns, Trompicallo, La Imagen Machine, Talía e Carabela.

A sétima arte chegará o 26, no Coliseo Noela, da man da proxección Pérez, el ratoncito de tus sueños .

Fomento da lectura

Por outra banda, a biblioteca municipal dará cabida, o 26, a unha sesión de contos de Nadal e a unha posta en escena de relatos.

Tamén esa mesma xornada se porá en marcha, no Instituto Virxe do Mar, un obradoiro de retratos pop, que durará tres días, ata o 28.

Baixo a organización da entidade Mans Unidas, celebrarase unha gala este sábado, a partir das seis e media do serán no Coliseo Noela. Noutra orde de cuestións, cabe sinalar que a casa de cultura Antón Avilés de Taramancos servirá de escenario, os días 3 e 4 de xaneiro, para o desenrolo dunhas charlas sobre sexualidade.

En canto ás exposicións que se poderán visitar, son dúas: unha dedicada a María Mariño, que permanecerá no Noela ata o 4 de xaneiro; e a de ceras de Víctor Bermejo, no local situado na rúa Luis Cadarso.

A concelleira Loli Caramés fixo tamén un repaso das actividades de carácter deportivo. Así, anunciou que este sábado, ás dez da mañá, sairán da porta do concello os participantes na ruta que rematará coa colocación dun belén no San Lois.

O 29, disputaranse un torneo de voleibol e un partido benéfico de fútbol sala entre os funcionarios e voluntarios da Cruz Vermella. A tradicional carreira de San Silvestre levarase a cabo o 31, ás 17 horas. Por último, o 4 de xaneiro haberá unha competición de baloncesto, e os dous días seguintes, unha de escalada.