O son das antigas gaitas da vila dará vida a un disco

La Voz

BARBANZA

Aínda que a inauguración do Museo Pedagóxico Castelao tivo lugar o pasado venres, os seus promotores levan tempo traballando en diversos proxectos. Un dos máis importantes consiste en sacar á luz un disco compacto que recompile os temas máis típicos dos gaiteiros da localidade rianxeira.

A comunidade educativa do Brea Segade fixo ao longo das últimas semanas un intenso traballo de campo, consistente en contactar con gaiteiros e persoas vinculadas ao folclore para recompilar un amplo repertorio de pezas musicais. Neste proceso foi fundamental a implicación de todos os alumnos do colexio de Taragoña.

O mestre José Luis Dopico confía en que a gravación do disco poida comezar dentro dun mes. As pezas serán interpretadas por grupos musicais de Rianxo, que utilizarán os estudios da Radio Galega. O obxectivo é que o traballo saia á luz antes da primavera.

Todos os detalles desta iniciativa, denominada Proxecto Rianxo, serán dados a coñecer este venres, nun acto que vai ter lugar no centro educativo ás oito da tarde. Está prevista a asistencia dos fundadores do Museo Pedagóxico Castelao, dos gaiteiros e músicos que colaboraron na iniciativa, dos representantes dos grupos que interpretarán as canción e de membros da asociación cultural Barbantia, colectivo que decidiu aportar o seu grao de area para esta idea poida converterse nunha realidade canto antes.

A intención é recuperar os sons máis representativos do folclore rianxeiro para que todos os veciños teñan acceso a eles e para lograr que perduren no tempo.