A gran festa da igualdade

Luisa Gutiérrez

BARBANZA

O Concello ribeirense celebrará con varias actividades sociais o día contra a violencia ás mulleres

17 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Os veciños ribeirenses teñen á súa disposición unha ampla gama de actividades para conmemorar o día Internacional contra a Violencia ás Mulleres, o próximo 25 de novembro. Por iso, a edila de Servizos Sociais, Esther Patiño, xunto á directora do Centro de Información á Muller (CIM), Dolores Crujeiras, presentou onte na casa do concello a programación que se levará a cabo nesta data tan sinalada. «Intentamos facer un programa moi elaborado no que podan participar o maior número de veciños», explicou Patiño.

A primeira das iniciativas que puxeron en marcha foi convocar un concurso de carteis sobre esta temática, que se pechou onte, e do que sairá un gañador a próxima semana. «Do póster gañador faranse unhas bandoleiras que estarán situadas ao longo de todo o Malecón e que servirán para fomentar e concienciar aos veciños sobre este tema», indicou Patiño. A responsable do CIM explicou: «Ademais, participaremos, en colaboración con outras concellerías, no ciclo audiovisual Ribeira, mar de cinema, xa que un dos días a temática será o maltrato sexista».

O acontecemento máis especial para a Concellería de Servizos Sociais serán as xornadas que este ano chegan á súa terceira edición e, que nesta ocasión, abordarán o maltrato aos maiores. «Aínda que o transfondo do seminario é a violencia doméstica intentamos buscar sempre un matiz para que non sexa un ciclo repetitivo. Este ano centrarémonos no maltrato a persoas maiores», sinalou a edila.

As xornadas comezarán o próximo 25 de novembro ás 17.00 horas no auditorio municipal da localidade. Será alí onde traballadores e educadores do eido social impartan charlas para tratar as diferentes temáticas. «Queremos que o encontro sexa o máis atractivo posible para todos os veciños por iso elaboramos un programa moi variado», dixo Esther Patiño. E para pechar o encontro da mellor maneira posible a agrupación Hipócrita Teatro representará a peza Miserere.

Variedade

Ribeira non será o único municipio que se sume a esta causa. A comisión de goberno de Muros fixo público onte un manifesto no que amosa o seu apoio ás vítimas neste tipo de agresións e a aprobación no orzamento dunha partida específica para tal fin. «Temos unha grande responsabilidade na erradicación desta lacra e un longo camiño por diante. Rematar coa violencia é tarefa de todos», afirmou o alcalde Domingos Dosil.