Os centros escolares ribeirenses participarán nun acto organizado polo Concello en favor dos dereitos dos nenos
09 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.A mocidade ribeirense empuxa forte. Esta idea está avalada polas numerosas actividades nas que se atopa involucrada ultimamente a xuventude das entidades sociais dio municipio. A que se presentou onte no auditorio municipal sen dúbida farase oír.
O edil de Xuventude, Vicente García, xunto ao técnico desta concellería Mario Vidal e a vicepresidenta de Cruz Vermella, Ángeles Cores -en representación das oenegués da zona-, fixeron pública unha iniciativa que os escolares de Santa Uxía desenvolverán o 20 de novembro, xornada na que se conmemora o Día dos Dereitos do Neno.
O proxecto, que se desenvolve na cidade por quinto ano consecutivo, implica a participación dos estudantes, que levan desde principios de curso preparándose para levar a cabo dita actividade. O día 20, os alumnos de primeiro e segundo da ESO reuniranse na praza de Otero Goyanes cargados con pancartas alusivas á celebración da xornada. «O que se pretende con esta iniciativa é facerse eco do traballo que se está a desenvolver en cada centro de ensino relativo á divulgación desta xornada. Tamén queremos involucrar á sociedade facendo unha labor de conciencia e mobilización social», apuntou Vidal.
Manifesto
Un alumno de cada centro lerá un manifesto acompañado do grupo de teatro do IES Nº1, que expresará con linguaxe corporal cada un dos dereitos, ao mesmo tempo que os van reflexando os rapaces dos distintos colexios. «Despois da lectura do texto, os mozos cantarán a canción solidaria No dudaría, de Antonio Flores, acompañados polos acordes dos instrumentos do grupo de música do IES Porto do Son», indicou o técnico de Xuventude.
Para que esta celebración poda desenvolverse sen problemas, na súa organización participaron as entidades solidarias de Santa Uxía. «Queremos mostrar toda a nosa colaboración con esta iniciativa, que desexamos que saia á perfección», explicou Cores en representación das oenegués de Ribeira.
O edi, Vicente García destacou os esforzos que se fan dende o Concello por levar a cabo «un traballo conxunto dedicado á xuventude ribeirense. Apostamos pola resolución de conflitos sen acudir á violencia polo que é moi importante levar a cabo accións e políticas que axuden a que a mocidade ribeirense sexa o máis saudable posible».
Referíndose a esta iniciativa, o concelleiro engadiu: «Esta é a liña emprendida e seguiremos con ela, polo que precisamos colaboración».