A comisión de festas de Aguiño rifará este Nadal un escaparate de produtos valorado en máis de 2.000 euros
03 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Os membros da comisión de festas de Aguiño aínda non dan crédito. Para nada podían imaxinar que a cesta de Nadal que ían rifar entre os veciños acabaría converténdose nun escaparate de sete metros e medio valorado en máis de 2.000 euros. «A verdade é que non imaxinamos que a colaboración ía ser tan grande», admitía Julio Abraldes, presidente da entidade.
«Entramos novos membros na comisión e ocorréusenos facer rifas para o Nadal. Entón repartimos os comercios da zona e fomos porta por porta pedindo a colaboración dos empresarios, cando nos dimos conta xuntamos tantas cousas que tivemos que empezar a pensar nun almacén onde gardar todos os produtos», dixo Abraldes.
Como se de un bazar se tratase, na cesta pódese atopar de todo. Abanicos, vaixelas, microondas, vales de comida -en pescado, marisco e carne dos establecementos da zona-, roupa e ata 70 botellas de viño de calidade son algunhas dos produtos aos que aspiran os participantes.
«Chegou un momento que pensamos que nos íamos volver tolos pois non deixaban de chegar cousas. O boca a boca funcionou e mándannos artículos procedentes de toda a comarca barbancesa», apuntou.
Alarmas
Ante a masiva chegada de produtos, os membros da comisión de festas de Aguiño tiveron que tomar unha determinación: instalar un sistema de alarmas no escaparate situado nun baixo da parroquia ribeirense, onde se atopa o gran premio. «Pensamos en facelo pois queremos evitar calquera susto; é que é moi tentador», indicou o presidente. A día de hoxe, aínda seguen chegando cousas, así que os integrantes desta entidade decidiron ir montando outra cesta, que será rifada en Semana Santa.
En Aguiño estes días non se fala doutra cousa. Aínda que xa están vendidas o 95% das papeletas, a xente segue buscando alguén que lles consiga algunha. «Varias familias xuntáronse e mercaron un alto número de rifas porque a cantidade de cousas é tal que o contido da cesta abastecería a moita xente», aseverou Julio Abraldes. Ademais, dixo: «Calculamos que o gañador terá que facer tres viaxes cunha furgoneta para levar á casa todo o contido».
Como din os veciños, a sorte está botada. O afortunado que teña na súa papeleta os catro últimos números do Gordo de Nadal será o dono absoluto desta especial cesta. Os da comisión desexan moita sorte a todos os participantes.