A urbanización intensiva á que asistimos nos últimos tempos transforma radicalmente a paisaxe ancestral. Os espazos verdes, retallos do ecosistema autóctono ou do medio rural, que aínda quedan dentro do tecido urbano, son sistematicamente substituídos por edificios e, no mellor dos casos, por xardíns. Nestes espazos habitaban especies animais e vexetais denominadas polos científicos especis ruderais, especies resistentes aos altos niveis de nitróxeno dos solos urbanos, e que aturan ben un certo grao de contaminación atmosférica.
Unha destas especies é o salgueiro común: unha árbore discreta, de pequeno porte, que resiste nas sebes e baldíos, e abunda nas beiras dos cursos dos ríos. A ramificación do salgueiro comeza na mesma base, outorgándolle aspecto arbustivo e proporcionando a ducias de especies de paxariños acubillo para faceren os seus niños.
Pode acadar os 25 metros de alto e chegar a vivir máis de cen anos, sinalando a chegada da primavera coas súas flores que, como as da maioría das árbores, non son moi vistosas, apenas unhas brácteas verdes que protexen os estames e pistilos. Porén, non precisa de cores nin ornamentos porque non quere atraer insectos, xa que a polinización realízase exclusivamente polo vento.
Hai máis de 350 especies de salgueiro por todo o mundo. Unha delas é a vimbieira, cultivada para aproveitar as pólas xoves no ancestral oficio dos cesteiros; outra, o salgueiro branco, unha árbore moi útil e apreciada pola súa madeira coa que se facían os estadullos dos carros, e polas súas propiedades medicinais.
Analxésico
O zume do salgueiro contén salicilina, un principio activo analxésico e antipirético empregado profusamente polos menciñeiros e boticarios do pasado. O 10 de agosto de 1897, o químico alemán Felix Hoffmann logrou sintetizar a primeira forma estable e apropiada para uso médico do ácido acetil salicílico, ao que lle deu o nome comercial de Aspirina: o medicamento máis utilizado en toda a historia da medicina moderna e a base do imperio farmacéutico de Bayern. Aínda que, paradoxos da historia, once días despois, inventou a outra substancia: a heroína, que tamén tivo usos médicos entre 1898 e 1910, antes de ser empregada como droga.
Agás escasísimas excepcións, as nosas rúas, parques e xardíns están cheos de especies exóticas como palmeiras africanas, araucarias chilenas, e carballos americanos. ¿Por que non podemos pasear por unha moderna avenida baixo a sombra dalgunha das nosas fermosas árbores autóctonas, como loureiros, tileiros, castiñeiros, cerdeiras, e tantas outras, incluído o noso ancestral salgueiro?.