Hai rostros impenetrables que nunca abandonan a memoria. Rostros que golpean no pasado para revivir e revivirte. A serie titulábase Hombre rico, hombre pobre . Estaban Nick Nolte e Peter Strauss. E estaba o malo máis malo do que un garda lembranzas: Falconetti. A Falconetti podías darlle de todo, menos unha caricia. Que tipo duro, que Polifemo, que matón. Era tan chulo e tan malo que un, que nunca quixo ser malo, quixo deixar de ser chulo para sempre. Estes días penso en Falconetti cando leo os titulares de prensa sobre Hamilton (y su papá). Os titulares de aquí, porque os ingleses seguen a dicir que é un bendito que debe gañar nos despachos o Mundial que perdeu na pista. O problema dos malos é que só son queridos na súa casa. Hamilton (y su papá) está a se converter no coco do deporte. Debían reflexionar aqueles que xogan o papel cuchilla nas súas ocupacións. Acebes. José Blanco. María Patiño: eu dixen que é a única muller que esperta en min unha cara tan violenta que eu mesmo, e con perdón, sinto vergoña.

Teño que apagar o televisor ao observar zapeando o seu rostro e arteria, crecidísima, cando grita a súa pútrida verdade. Os malos non teñen cabida no corazón do outono. E Hamilton, prefabricado para a gloria, tampouco. O sucedido neste campionato deixa en mal lugar a Dennis, McLaren, a junior e a papi, a Inglaterra e aos seus medios chovinistas e insinceros. Os patrocinadores prefiren o lado amable de Alonso. O lado da vítima, do agredido. O mundo non ama os verdugos. A min, que non me gusta a fórmula 1 e que temo a velocidade, está empezando a cargarme a familia Hamilton e todo o seu círculo. Polo tanto reclamo a intervención do vello heroe dos ruíns. O prístino redentor de Belcebú. Pido que regrese el, que era un malo auténtico e non prefabricado: como Hamilton y su papá. Reclamo que volvas. Resucita, por favor. Regresa, Falconetti.