A casa da cultura da vila dá cabida ata o venres a unhas xornadas sobre a conservación da natureza
26 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Máis de cen persoas, na súa meirande parte veciños da bisbarra barbancesa, inscribíronse como participantes na primeira Semana Ambiental de Portas Abertas ao Barbanza, que se inaugurou o luns pola tarde na casa da cultura de A Atalaia, na vila sonense, e que rematará este venres. Durante as cinco sesións que durará esta iniciativa, diferentes expertos en cuestións relacionadas coa ecoloxía ofrecerán o seu punto de vista sobre a situación de Galicia, e máis en concreto da zona, en materia de conservación dos recursos da natureza.
Na sesión de apertura, estiveron presentes a concelleira de Urbanismo de Porto do Son, María Jesús Paz Santamaría, quen desculpou a ausencia do alcalde por motivos familiares, xa que o pai de Manuel Tomé Piñeiro recibiu sepultura a pasada fin de semana. A responsable municipal expresou o seu desexo de que o programa das xornadas consiga cumprir as expectativas depositadas nel polos máis de cen asistentes anotados.
Apoio institucional
Pola súa banda, tamén interveu a deputada provincial Caridad González Cerviño. Esta última sinalou que o organismo do que forma parte seguirá a colaborar coa organización de actividades tan interesantes como estas xornadas ambientais.
Polo que atinxe á procedencia dos participantes, cabe salientar que se desprazaron á vila sonense persoas de moi diferentes sitios, aínda que boa parte delas residen en Rianxo, Carnota, Ribeira, Muros, Noia, O Son, Lousame e Boiro.
A charla que serviu para inaugurar o ciclo didáctico correu a cargo do director deste foro, Francisco José Peña Castiñeira.
Radiografía
O responsable do programa galego de municipios saudables e sostibles fixo unha análise global da situación de Galicia en materia de medio ambiente e revelou algunhas claves ou propostas para corrixir e mellorar os problemas e as carencias detectadas.
Peña Castiñeira cualificou o estado no que se atopa a natureza como aceptable, aínda que fixo fincapé en que moitos aspectos poden ser mellorados e para iso subliñou que era necesaria a implicación de todos, desde as Administracións ata os cidadáns a título particular.
Este doutor en Farmacia asegurou que os concellos teñen cada vez máis competencias e menos recursos para facer fronte á xestión ambiental. Por iso, incidiu na necesidade de que en comarcas como a de Barbanza os gobernos locais unan esforzos para facer avances de xeito conxunto, tal e como está a ocorrer coa planta de tratamento de residuos sólidos urbanos de Servia. Sobre estas instalacións, o especialista comentou que deben ser complementarias doutras como as de Sogama e Nostián.
Recomendacións
Camiñar desde o feísmo cara a un urbanismo sostible, poñer en valor os espazos naturais de Barbanza, impulsar as enerxías renovables, apostar por unha xestión forestal axeitada e elaborar un mapa de ruídos foron algunhas das actuacións postas sobre a mesa como necesarias por parte de Peña.
Ademais, o director das xornadas destacou que en rías dunha gran riqueza marisqueira, como as de Noia e Arousa, resulta imprescindible levar a cabo unha boa xestión das redes de saneamento. A sesión rematou cun animado coloquio. Hoxe, ás 20.00 horas, falará de recursos mariños a bióloga Rosa Quintana.