O artista Antonio Parada Mariño ofrece unha nova colección fotográfica baseada no ecosistema mariño
24 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.A mostra fotográfica Os eidos de Sagres, do artista ribeirense Antonio Parada Mariño, loce dende o pasado fin de semana nunha das salas do centro de interpretación arqueolóxica do parque ribeirense de San Roque. A exposición é un tributo ao ecosistema mariño na que o autor, mariñeiro de profesión, capta instantáneas do día a día no litoral galego.
Á presentación, que estará aberta gratuitamente ao público ata o 15 de setembro, acudiron numerosas autoridades coma o concelleiro de Cultura, Luciano Fernández; o de Turismo, Vicente García; o presidente do Consorcio Turístico de Arousa Norte, Román Castaño, e a responsable do centro de interpretación arqueolóxica, Sandra Fernández, así como afeccionados, familiares e amigos.
Escenas de pesca
A mostra componse de dezasete retratos nos que Parada relata escenas dun día de pesca. «A miña vida transcorre entre o mar e a fotografía. Traballar no barco é un medio de vida, unha obrigación e, afortunadamente, mentres podo gozar de dúas das miñas paixóns, que son as aves e o feito de poder inmortalizalas coa miña cámara», dixo o artista.
A vida do mariñeiro non é doada, pero o artista búscalle o lado positivo ao seu labor, e aproveita o pouco tempo libre do que dispón para coller a cámara e captar eses pequenos matices que a natureza pon de manifesto. A través de imaxes conta, xa que logo, como sobreviven os animais no litoral.
«Esta obra é pura, non hai elaboración. As fotografías mostran a realidade coa que convivo cada día, a paisaxe e as especies que levan comigo dende que comecei a embarcar. Por iso eu creo que as palabras sobran nesta exposición. Para os que queiran gozar da natureza en estado puro, eu amósolle a miña visión, que traerá recordos aos que algunha vez estiveron no mar e abrirá unha nova porta para os demais», sinalou o autor.
Compromiso
Antonio Parada estivo, dende sempre, moi ligado ao entorno mariño. Dende hai xa varios anos é fiel colaborador de Cemma -Coordinadora de Estudos dos Mamíferos Mariños-, que investiga e axuda a golfiños, tartarugas, quenllas e todo tipo de especies que se atopan no mar.
Esa conciencia e compromiso cun mundo familiar e próximo foron os artífices de que o artista, agora, amose algo máis que simples retratos. É dicir, que abra aos asistentes a súa alma para que a auga salgada se meta no corazón do espectador.
Pero Parada ten máis aliados neste labor: «Se todas as miñas exposicións foron adiante, se eu fun quen de comezar a dedicarme a isto como algo serio, todo foi grazas a dous grandes compañeiros, que son o pintor Xerardo Crusat e Juan Pérez, o noso cociñeiro, que me animaron e alentaron para que finalmente dera este paso», declarou emocionado.
Agora, con varias mostras ás costas, o artista séntese ledo e confiado. Así, non dubidou ao dicir: «A miña obra está á venda. En principio para particulares, aínda que, se isto non funcionase, estamos en trámites de venderlle a colección a unha entidade».
Eidos de Sagres mostra moito máis que unha simple fotografía, xa que realmente é un retrato de toda unha vida, dunha tradición, do compañeirismo e a soidade, dun sentimento e, ante todo, unha paixón: o mar.