«Debemos perder o medo a divertirnos e facer o ridículo»

La Voz

BARBANZA

Este noiés leva dous meses sendo o máximo responsable do executivo local, pero desde o primeiro día repartiu a carga de traballo entre os seus compañeiros e socios de goberno.

24 ago 2007 . Actualizado a las 10:43 h.

Chechu López | Non se lle viu demasiado a Rafael García Guerrero polas primeiras actividades programadas nas festas de San Bartolomeu. A súa presenza reduciuse a acompañar ao escritor local Maxi Olariaga na lectura do pregón da celebración. A súa función como alcalde está a ocuparlle boa parte do seu tempo, pero aínda saca algún momento para a súa familia.

-Supoño que se lles acumula o traballo coa chegada do verán e a presenza de turistas e emigrantes.

-A xente que ven ao concello é moita e quere que se lle resolvan os seus asuntos. Aínda que teño a experiencia de gobernar, trátase dun ano electoral e nos colle un pouco a tropezóns. Tamén hai temas do día que atender. Nas festas é vital supervisar todo ata última hora para que saia ben.

-Ata agora o tempo foi moi inestable, ¿que espera para estes días de celebracións patronais?

-Desexamos que o tempo permita que todas as actividades dos festexos se podan celebrar con normalidade.

-¿Cal foi a filosofía do executivo que preside na programación dos actos?

-As actuacións musicais son o alicerce das festas. Optamos por grupos rock dos anos 80 como Rosendo e Fangoria, pero tamén por artistas e grupos locais. De feito o cartel foi deseñado por un artista local e a lectura do pregón fíxoa un escritor da vila, e actuará Fernando Docampo. É a mesma idea do programa Rúas Vivas polo casco histórico.

-Noia é unha vila de moitos e bos artistas.

-Noia é caldo de cultivo de moitos artistas. Nas festas reivindicamos o noso, que é tan bo como dos demais. Debemos estar orgullosos deles e axudalos desde os comezos, dándolles a maior proxección, e non homenaxes a título póstumo. A presenza dos artistas de Noia fai que se esperte a curiosidade da xente da vila e que sexa máis participativa. Hai moito descoñecemento da xente da cultura e cando é famosa pónselles atrancos.

-¿Como lle gustaría que os noieses vivisen estas datas? ¿E vostede?

-Hai que recuperar o sorriso. Aínda que as cousas nos vaian mal, temos que intentar ser felices. Debemos perder o medo a divertirnos e facer o ridículo. Como noiés, tamén teño ese mesmo temor, e prefiro pasar desapercibido.

-Co seu regreso ao goberno local, os touros desapareceron do programa.

-Xa ocorreu no meu anterior mandato. Non debe coller por sorpresa a ninguén. O criterio que seguimos é o mesmo. Non creo que deban incentivarse ou subvencionarse este tipo de actividades cando os cartos non chegan para outras cousas.

-¿Cales son os seus obxectivos neste mandato?

-Volvín presentarme ás eleccións para acadar a limpeza e rexeneración da ría de Noia. Analizaremos o noso éxito ou fracaso segundo a consecución deste proxecto. Entre setembro e outubro esperamos dar os primeiros pasos neste sentido. Será o punto de inflexión para que a localidade colla o tren do futuro. A Xunta elixirá o trazado da variante no vindeiro mes. Por riba de que nos guste máis ou menos, Noia non pode quedar sen esta obra de conexión con Santiago. Propuxémonos paliar o déficit de prazas de aparcamento. Ademais, pretendemos superar a crise que atravesamos, que ten responsabilidade política e dos empresarios, que teñen que liderar esa recuperación.