A infabilidade papal

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

21 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

MI TÍA María está indignada e preocupada porque lle quitaron o purgatorio. Iso, que para Xulio é a manifestación máis clara e patente do integrismo do Papa e dos seus colaboradores, para ela, muller de misa e rosario, é a condenación ó inferno por decreto. -E se non hai purgatorio, ¿a onde van ir os inocentes que non coñeceron a palabra de Cristo?, ¿e os que morren de repente despois de botar un carallo? -di moi preocupada mentres se persigna e reza un par de oracións, por se o tal pensamento é motivo de pecado e a gadañeira a colle antes de pasar polo confesionario. Porque santo santo non é ninguén, e demoño demoño tampouco. Mi tía María vive na dúbida, sen saber se os seus devanceiros morreron en pecado por non coñecer as normas deste Papa ou se quen se vai condenar vai ser ela por facerlle caso. Xulio, a quen por ser ateo confeso semella que non deberían importarlle moito estes asuntos, tamén manifesta a súa preocupación, porque, como el di, o discurso de calquera líder impórtanos a todos, sexamos ou non seguidores seus, que se ós intransixentes de oriente lle poñemos outro en occidente, podemos non tardar en volver a aquelas guerras de relixión que non facían máis que condenar ós do bando contrario, arruinar as vidas dos paisanos de a pé e erguer suntuosos monumentos funerarios ós seus dirixentes. Cando mi tía María fala con Xulio, aínda queda máis preocupada, «que este rapaz é moi bo, pero algo retorcido», sobre todo cando o meu amigo a aguilloa dicíndolle que o ceo e o inferno, realmente non existen, «non son máis que a boa ou mala memoria que o finado deixa neste mundo». -Ai filliño, que barbaridades dis. Mi tía María non entende deste politiqueo eclesiástico, de ecumenismo nin de concilios tridentinos, a ela preocúpalle o seu futuro tras a morte, que mira ti que se estivo sempre preocupada por gañar unha praciña á destra do Pai e agora só vai ser un saco de osos no nicho de encima dos seus devanceiros... Mi tía María non sabe a quen lle vai facer caso, se ós cregos de antes, ós de agora ou a Xulio, cando lle vén preguntando que lle parece iso das misas en latín, e ela que non sabe que dicir, porque iso da infalibilidade do Papa ás veces xa a pon en dúbida, que, como ela di, agora ós curas enténdeselle todo, e sábese o que rezan, pero se lle cambian de idioma será como ir a unha misa á china, que asistes pero non participas. Mi tía María pregunta se, por seguir o consello de teus pais e a relixión deles, te vas condenar, ou se será como di Xulio, que todas as relixións son distintos camiños para fomentar o ben, a pesar de que sempre hai energúmenos que condenan ós que non son da súa colla. E Xulio, que é un pulleiro, pregúntalle quen sería máis infalible, se Xoán Paulo II, que excomungou ós seguidores de Lefevre por non aceptar as normas de Roma, ou este Papa que os quere reintegrar cedendo no que piden. Xulio recórdanos que o Concilio Vaticano II foi un pequeno paso cara a democratización da Igrexa, ó permitir a participación dos fieis nos ritos, co cura cara ó pobo e falando no idioma da xente, e lembra unha frase pronunciada por Xoán XXIII na inauguración daquel Concilio, cando, referíndose ós opositores dixo: «Inflados de celo relixioso, carecen de rectitude de xuízo e de ponderación». Vamos, que hai que ser menos dogmático. E mentres, mi tía María vive abraiada polas dúbidas e o medo a que por culpa delas e de que os papas non se poñen de acordo, vaia perder a fe, en tempos tan revoltos, que ela di.