LINGUA PROLETARIA | O |
16 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.CANDO O Edicto de Milán converteu ó cristianismo na relixión oficial do imperio romano, había moitos nostálxicos das vellas tradicións que non aceptaron tan radicais cambios, polo que opuxeron á figura de Cristo a un filósofo e predicador que tamén tiña fama de santón, taumaturgo, anacoreta e sabio sen pelos na lingua, quen, por comparar co Nazareno, se aquel foi xerado por obra e graza do Espírito Santo, este fórao por medio dun soño que tivera súa nai. Apolonio de Tiana foi contemporáneo de Xesús, pero non se chegaron a coñecer, pois mentres que un non saíu de Palestina, estoutro andou por distintos países, seguido dun grupo de discípulos que o escoitaban encantados, e logo propagarían as súas ensinanzas, repletas de boas obras e prédicas contra os vicios e a vida disoluta da sociedade. A pesar de nacer nunha casa rica, e ter os mellores profesores, axiña decidiu que a súa vida estaba lonxe dos pazos e das festas, e retirouse a meditar a un deserto onde permaneceu quince anos sen dicir palabra; pero cando volveu era dos que non se calaban por nada; e a pesar de todo, non faltaron reis, nobres e xente de poder que o consultaban, como aquel que sorprendeu a un escravo coa súa concubina, e lle preguntou que castigo lle debía aplicar, ó que Apolonio lle respondeu que deixalo vivir, pois así, o seu amor pasará a ser o maior dos seus suplicios. Non se sabe se dixo tal por retranca ou por pacifismo, se por facerlle un favor ó cornudo ou ó corneador. Educado no neopitagorismo, nada máis recibir a herdanza de seu pai repartiuna entre a xente que el vía máis necesitada, demostrando así o seu rexeitamento a todos os praceres do mundo. Apolonio nunca se erixiu en portavoz de ningún deus, só de si mesmo, das súas ideas, respectuosas en todo momento coa relixión oficial, polo que moitos gobernantes e xente de lei escoitaban o seu consello, tal o rei de Babilonia, a quen lle recomendou que, se quería gobernar ben tiña que ter moitos amigos e ningún confidente. Para demostrar que Cristo non era único, os seus defensores aseguraron que en Roma resucitou a unha moza sen máis artimañas que o poder da súa palabra, ou que moitos anos despois do seu pasamento, se lle apareceu a un estudante que non cría nel. No seu afán por coñecer o mundo da época viaxou a Roma, dicindo que quería saber a clase de animal que é un tirano, e claro, iso fíxolle entrar con mal pé na cidade eterna. E peor aínda cando Tixelino, un dos favoritos de Nerón, lle preguntou que pensaba do Emperador: -Fágolle máis favores ca ti, pois se ti o cres digno de cantar eu créoo de calar -din que lle respondeu. Pola claridade e rotundidade con que falaba, non tardou en caer baixo a persecución de Domiciano, e, cando o xulgou e condenou por sacrílego, el desafiouno: Nunca poderedes deter a miña alma; nese intre desapareceu, e os seus seguidores aseguraron que ascendeu ós ceos e algún día volverá para salvar ó mundo. Tras esta súa morte, ascensión ou desaparición, inauguráronse templos e estatuas no seu honor, e incluso din as crónicas que o emperador Alexandre Severo, que gobernou o Imperio romano no século III despois de Cristo, tiña no seu oratorio catro imaxes: Xesús, Abraham, Orfeo e Apolonio de Tiana. A súa vida e obra recolleuse nunha biografía que escribiu Filóstrato; e seguramente, se a oposición dos pagáns triunfara sobre a imposición do Edicto de Milán, Apolonio, hoxe, sería venerado en moitos templos como salvador do mundo, a luz do universo e todas esas cousas que se soen dicir.