«A construción medrou, pero está adaptada ao plan xeral»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA

BARBANZA

Entrevista | José Luis Torres Colomer Afronta de novo unha cita coas urnas como líder dos populares e asegura que o fai coa mesma ilusión da primeira vez porque di que aínda lle quedan moitos proxectos pendentes

19 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Se logra acadar de novo a confianza dos veciños, o candidato do PP de Ribeira, José Luis Torres Colomer, ocupará por quinta vez consecutiva a presidencia do Concello. O reto non é nada doado. -Xa non é só a falla de respecto institucional por parte de algunhas consellerías, o que non debería existir, senón que tamén vemos que, dalgún xeito, están metendo a cambadela. Sen embargo, iso non nos preocupa porque Ribeira, economicamente, está saneada. Somos autónomos e temos cartos para afrontar as necesidades. -¿Pero o diñeiro acábase? -Ribeira ten ingresos, recibe as aportacións que lle corresponden e non todas as consellerías actúan do mesmo xeito. Moitas responden adecuadamente. -¿Considera que a construción experimentou un crecemento excesivo? -O nivel de licencias de obra aumentou, e tamén os nosos ingresos. É un feito evidente que a construción medrou, pero está adaptada ao plan xeral. Este tipo de fenómenos son cíclicos. Neste momento hai un auxe no volume de edificacións, pero é posible que iso varíe. Tamén é certo que hai outras zonas de Galicia máis masificadas e a xente prefire achegarse a localidades máis tranquilas. -O seu próximo obxectivo é a reforma do PXOM. -A revisión do plan que entrou en vigor no 2003, co apoio de todos os grupos, é imprescindible. Debe adecuarse ás novas disposicións legais e temos que incrementar a catalogación de núcleos urbanos consolidados. Sen embargo, tamén desenrolaremos actuacións en materia de medio ambiente e de xuventude. -¿Cal é o gran proxecto ou aspiración que aínda non logrou materializar? -A consecución dun rexistro da propiedade para Ribeira. O noso municipio ten dereito a telo. Non queremos sacarllo a ninguén, pero consideramos que aquí tamén debe existir ese servizo. En materia de infraestruturas teño pendente a construción da estrada de circunvalación e da estación de autobuses, que se faría nas inmediacións das casas baratas. -¿Comparte a idea de que Ribeira está quedando estancada? -Esas son apreciacións subxectivas dalgunhas persoas. Ribeira logrou moitas cousas en pouco tempo e nós temos moitos retos, como a mellora do peirao comercial. -¿Que me diría do equipo co que concorre a estes comicios? -Estou moi contento. É un equipo mozo e con moita ilusión. Cada un dos seus membros é experto nunha materia. Ao mesmo tempo, na lista vai xente que ten sobrada experiencia no ámbito da política municipal. Estou moi orgulloso de encabezar esta lista porque considero que se trata dun grupo con moitas ganas de traballar pola mellora do municipio ribeirense e por acadar novas metas.