Buque lanzal que descansa na invernada a carón dos bocois de antigo bacelo. E de toda a tripulación, unicamente a cadela ten días de mar, pese a preferir con moito o rego do boi. Racharían as augas movementos rítmicos, vagarosos, repousados, seguros como o elevarse dun peito feminino na respiración protectora. Pero a pose é sincrética, de extremos desequilibrados e centro artificial -metáfora dos tempos que están por vir-, imaxe que despois aledará as reunións de café en La Coruña ou nos madriles. Anos trinta nunha Barraña case deserta, non afeita á folganza de señoritos felices (son os irmáns Del Río, do pazo de Fonteneixe; elas amosando o digno escorzo das modelos; eles estirando a fibra bufa dos sportman). Tempos de veraneo nos chalets da redonda, de faladoiros nocturnos, bailes privados e excursións á praia -se cadra como esta-. E tamén de inevitable estancia en Compostela, para ver a familia, para cumprimentar os amigos, para escapar do atordamento que produce demasiada vila e demasiada aldea. A fotografía, a non ser pola ascética presencia da paisaxe, hoxe inverosímil, podería situarse no mar arroupado do Sardinero ou na baía refrescante da Concha, onde o navío, de nobre e acariñada feitura con sapiencia de ebanista, atravesaría as augas escintilantes entre xente de moito mérito . Pero é Boiro, e o can, que identifica ao retratista e calcula a comenencia da súa lealdade, devece aínda por volver a terra. VERANEO NA PRAIA DE BARRAÑA. Augas escintilantes baixo un sol de morneza despreocupada, nos aínda calmos anos trinta. Tripulación de señoritos e un can almirante.