Solicita aos contribuíntes que marquen a casiña de fins sociais Os discapacitados foron o segundo colectivo que máis fondos recibiu da asignación tributaria despois das persoas maiores
11 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.? asociación de familias de persoas con discapacidades psíquicas Amicos principiou onte unha campaña para sensibilizar á cidadanía para que no momento de presentar a declaración da renda marque a casiña de fins sociais ao facelo conxuntamente coa da igrexa católica. A presidenta da entidade, Esther Vidal, fixo un chamamento á solidariedade dos veciños da bisbarra para que o 0,52% dos seus impostos sirvan para a realización de proxectos dirixidos a acabar coa exclusión social. Para elo, Amicos distribuirá medio milleiro de carteis e mil folletos nos que se explica baixo o lema En la declaración de la renta no te quedes en blanco , como os contribuíntes poden participar nesta campaña. O coordinador xeral da asociación, Xoán España, precisou que no programa Padre, a simple vista só se ofrecen dúas opcións: ou destinar o 0,52% dos impostos a fins sociais ou á igrexa católica, pero aínda existe outra que é a de aportar o 1,04% a ambas entidades, partido a partes iguais. Fins indeterminados España engadiu que a elección de calquera das alternativas non ten custe para o cidadán, pero que de non facerse esa cantidade irá a parar aos presupostos do Estado, con destino a fins xerais indeterminados. O gasto en protección social do Goberno español é do 19,7, por debaixo da media europea. Suecia aportou o 33,5%, Dinamarca e Francia, o 30,9% e Alemaña, o 30,1% durante o ano 2003. O coordinador xeral de Amicos manifestou que o Ministerio de Asuntos Sociales distribuíu o ano pasado os cartos recadados con estas asignacións nas declaracións da renda. O colectivo que recibe un maior porcentaxe é o das persoas maiores, seguido dos discapacitados, a infancia e a familia, os inmigrantes, as mulleres e os mozos, entre outros. Os últimos datos corresponden á declaración da renda do 2004, que se traduciron en subvencións no 2006: «Os contribuíntes aportaron 225 millóns de euros, dos que 127 foron para fins sociais e 118 para a igrexa católica», sinalou Xoán España. Desde Amicos indicaron que case 102 millóns destináronse ás oenegués que traballan cos colectivos desfavorecidos, e 25,4 millóns para programas de cooperación ao desenvolvemento. «Co diñeiro recadado coas declaracións da renda, o Ministerio de Asuntos Sociais cofinanciou 875 proxectos de 326 organizacións sen ánimo de lucro».