Cáritas organiza as charlas, que empezarán o próximo día 21 Os poñentes tamén abordarán cuestións como o emprego, a lei de dependencia e os problemas que afectan á xuventude
09 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.As agrupacións parroquiais de Cáritas de Noia e Esteiro acordaron organizar de forma conxunta e por primeira vez unhas xornadas sociais, nas que se tratarán aspectos como o emprego e a exclusión, as situacións de dependencia na terceira idade, as familias desestruturadas e os problemas que atinxen á mocidade. As sesións desenrolaranse na casa de cultura Antón Avilés de Taramancos a partir do próximo día 21. Todas as charlas impartiranse ás sete da tarde. A segunda das actividades proxectadas terá lugar o 28 deste mes, e as dúas últimas conferencias celebraranse o 4 e o 11 de xuño. A presentación do programa tivo lugar onte na casa reitoral de San Martiño. O presidente da agrupación local de Cáritas, José Luis Rodríguez Hermo, sinalou que foron invitadas a participar nestas xornadas as 25 parroquias rexistradas nas comarcas de Muros e Noia. A maiores, comentou que xa levan repartidas 75 invitacións persoais. O dirixente fixo fincapé en que as charlas están abertas a calquera veciño que queira asistir e subliñou que nelas se abordarán cuestións de gran preocupación social nestes tempos que corren. Cáritas Diocesana de Santiago coopera na realización desta iniciativa. O responsable do departamento de animación comunitaria deste último colectivo, José Pillado, explicou que o que tentan é dar respostas aos problemas que detectan na sociedade. Pola súa banda, o técnico Gumersindo Alonso expuxo que os temas elixidos para debater foron froito do traballo conxunto das agrupacións de Noia e Esteiro. Así, avanzou que na primeira charla haberá dous poñentes que falarán sobre os problemas de exclusión social que xorden a raíz da falta de emprego. A conferencia do 28 estará dedicada á lei da dependencia e ás preocupacións da terceira idade. As familias afectadas por unha situación de desestruturación social ocuparán a sesión do 4 de xuño. A derradeira actividade consistirá nunha mesa redonda na que se tocarán temas como as drogas, o consumo de alcol e outros problemas que se dan sobre todo entre a mocidade.