LINGUA PROLETARIA | O |
28 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.CÓNTANME, por Cespón, dun rapaz que un día, mentres coidaba ovellas (¿serían vacas?), fixo unha frauta con que entreterse, e cando a rematou e soprou nela viu como, de debaixo dunha pedra, saíu unha pequena cobra que ficou mirando para el. O rapaz, ó primeiro sentiu o medo que estes animais provocan cando os vemos fronte a nós, pero a becha seguiu parada, movendo a súa lingua, silenciosa e atenta á improvisada música. A mitoloxía popular ten moitos contos de serpes, vellas lembranzas dunha época que Vicente Risco denominaba de Ofiusa, de cando neste país se adoraban como símbolo de fertilidade e curación, ata que o cristianismo as acabou demonizando. Pero, volvendo ó conto, ¿que lle podía pasar ó rapaz no intre que deixase de tocar?. ¿Volveríase a cobra contra el? Porque ó cabo dun tempo de tensión musical, o pastor foi afrouxando o son ata que ficou en silencio, sen sacar a frauta da boca, temeroso do natural instinto da becha. Pero non, rematado o seu improvisado concerto, aquela deu volta e volveuse meter debaixo da pedra. O rapaz pasou toda a noite pensando nela, e ó día seguinte arriscouse e volveu ó mesmo lugar, coa súa frauta; e, unha vez máis, a mesma serpe saíu do seu acubillo e ficou diante do pastor observando atenta o movemento dos seus dedos e escoitando a súa música. Desde esa, o rapaz e a serpe mantiveron o seu encontro coa asiduidade que as condicións permitían. O concertista sentíase feliz co pouco pero atento público que tiña, e fiel a ela, ó final do seu concerto contáballe as súas coitas como se falase co máis fiel amigo. Pero un día, o pastorciño entoou unha sonata triste, e ó final díxolle á oínte de tantos anos que marchaba para o servizo militar, e non sabía cando ía volver. Iría a algunha daquelas guerras decimonónicas por manter os restos colonias e ela seguiría alí, na súa furna. Ás veces, cando o rapaz soltaba a lingua, contáballe ós compañeiros de milicia a estraña amizade que mantivera aló na súa terra, e todos pensaban que era un fantasioso mentireiro. Pero cando o tempo de servizo rematou e el volveu á casa, nada máis deixar o macuto, foise á pedra da serpe coa súa frauta, e sentado fronte a ela entoou unha cancionciña alegre. Diante dos seus ollos comezou a aparecer unha becha descomunal, grande e gorda como nunca outra puidera ver na súa vida. Aquela serpiña a quen el lle ofrecía improvisadas sonatas, era agora unha monstruosa fera que, sen embargo, diante do pastor recén chegado, amosaba a súa lingua brincadeira que el viu como síntoma de alegría, alegría nos seus ollos brillantes e moi abertos e alegría no zigzagueante vaivén con que se lle foi aproximando mentres tocaba a frauta. A serpe tamén estaba contenta de velo, e coa felicidade bicouno coa súa lingua nas pernas, e foi erguendo o pesado corpo para bicarlle as mans que tocaban a frauta, e foino bicando na faciana e abrazándoo chea de felicidade e apertándoo contra si, enroscando o seu corpo no do amigo músico, e con tantas mostras de cariño o abrazo foise estreitando, e o frautista sentindo a opresión que non lle deixaba saír aire do peito nin para protestar. E calou a frauta, e entón a serpe, ó sentir o silencio mirouno e viulle os ollos sen visión e a cabeza caída, e comezou a desenroscarse e o corpo do seu amigo foi caendo a medida que lle faltaban as voltas do seu sostén, e quedou tombado no chan, coa frauta silenciosa a un lado, fronte á cova na que a serpe moraba e de onde xa non volveu saír máis, porque non tiña nada no mundo que ver nin oír.