O amante de Talía

Pastor Rodríguez

BARBANZA

XOSÉ AGRELO HERMO (1937-2006)

29 mar 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Foi Pepe Agrelo un home de moitos intereses culturais, mais o seu nome é imprescindible na historia do teatro amador galego. Director teatral dende 1973 con Candea, levou ás táboas a Álvaro das Casas, Leandro Carré, Castelao, Dora Vázquez, Manuel María, ademais de obras da súa autoría que están xa na historia do teatro galego como Noite de lobos, Metá e metá e O mestre, que editaría no volume Candea 70 en 1989, aínda que as pezas se estrearon na década dos setenta. Actor, autor, animador e fundador de grupos como o xa citado, ou Agrocobo, que se dedicou ao teatro infantil dende 1975. Os nenos son o público ao que se dirixen as pezas contidas no volume O xogo dramático (de, con, por, para nenos) que apareceu en 1990, e aínda no 2005 saíu do prelo O ensaio, unha peciña infantil coa que foi galardoado no Premio Estornela da Fundación Neira Vilas en 2004. Poucos coma el contribuíron tanto a popularizar a arte teatral no Barbanza, mais tamén en toda Galicia. Cómpre unha homenaxe de todas as xentes da arte de Talía a Pepe Agrelo.