O sector conserveiro implícase no consorcio de turismo

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA

BARBANZA

Contribuirá a promocionar a comarca a través da gastronomía Degustacións e visitas guiadas son algunhas das ideas que desenvolverá Arousa Norte

10 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

?o seu empeño por lograr que o consorcio de turismo sexa unha realidade a curto prazo, Arousa Norte estableceu contactos con diversos sectores empresariais que, pese a non depender directamente da afluencia de visitantes á comarca, poden verse beneficiados se esta rexistra un incremento importante. Cun dos colectivos cos que a mancomunidade conseguiu obter resultados é co da industria conserveira. Hai varias factorías que xa amosaron a súa intención de colaborar economicamente coa iniciativa que se pretende levar a cabo co apoio das Administracións autonómica e provincial. O que Arousa Norte lle propuxo a este sector é unha participación directa nas accións promocionais que se poñan en marcha no marco do consorcio de turismo. O obxectivo é utilizar as conservas como un produto de reclamo e como un exemplo da existencia dunha cultura empresarial tradicional na comarca. Ao mesmo tempo, ofréceselle ás industrias a posibilidade de facer uso das accións que se emprendan no eido turístico para dar a coñecer o seu produto. De feito, non é a primeira vez que as conserveiras da comarca participan nas accións promocionais de Arousa Norte. A última colaboración tivo lugar con motivo da celebración de Fitur, onde se lle entregou ao operadores de turismo e representantes de axencias de viaxes unha selección de conservas de Barbanza. Pero agora do que se trata é de darlle un maior protagonismo a este produto. O persoal da mancomunidade xa lle expuxo este plan de traballo aos representantes das distintas factorías da comarca e coa maioría deles está cerrando xa acordos que se plasmarán en achegas económicas para o futuro consorcio. Entre as primeiras accións que Arousa Norte pretende levar a diante coa colaboración do sector conserveiro atópase a realización de degustacións nas feiras ás que acuda a mancomunidade a nivel nacional e internacional. Do que se trata é de presentar estes alimentos de forma profesional, promovendo unha cultura tradicional dunha parte importante da cociña de Barbanza. Co apoio dos hostaleiros que forman parte da Asociación de Empresarios Turísticos Arousa Norte (Aetan), a mancomunidade pretende tamén organizar xornadas gastronómicas coas conservas como protagonistas. Do mesmo xeito analizarase a posibilidade de incluír este produto nalgúns dos pratos que integran as cartas dos restaurantes da comarca. Outra das ideas que ten en mente a dirección de Arousa Norte consiste en organizar visitas programadas ás industrias conserveiras radicadas en Barbanza. Esta posibilidade xa lle foi exposta aos empresarios nun encontro celebrado recentemente e, se ben é certo que non todos están de acordo, pola obstrución que estas excursións supoñen para o desenvolvemento normal do traballo na fábrica, en xeral a iniciativa tivo boa acollida, sobre todo por parte das pequenas factorías. O obxectivo da mancomunidade é que cada unha das industrias participe nas accións que considere máis interesantes dende o punto de vista da promoción de da comercialización.