O inventor do futbolín

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

17 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

A TARDE na que morreu o avó de Xulio, estabamos xogando ó futbolín nunha taberna do porto, e lembro que, naquel intre, ficamos nun impás, sen saber se acabar a partida ou deixar todo para acompañalo á casa. Cando nos deron a noticia, Xulio coidaba as varas do porteiro e da defensa, coa mirada fixa na bóla, e mentres dubidábamos, contounos que a primeira vez que seu avó viu xogar ó fútbol foi na Arxentina, a onde emigrara de rapaz para ganar con que pagar a libranza do servizo militar. Logo, aínda libre da mili, tivo que coller armas na Guerra Civil, e durante unha convalecencia en Barcelona, contaba el que vira xogar por primeira vez ó futbolín, construído por un tipo de Fisterra para que uns nenos que había no hospital estivesen entretidos, xa que non podían xogar á pelota de verdade. -O futbolín é un invento republicano -dicía, e pensabamos que chocheaba, porque para nós, rapaces dos anos sesenta e setenta, o fútbol e o futbolín eran máis vellos cás pedras. Pasou o tempo e daquela anécdota nunca máis me lembrei, ata hai uns anos, nun artigo deste periódico se falaba de Alexandre Campos Ramírez, fillo dun radiotelegrafista do faro de Fisterra, que marchou a estudar a Madrid e, antes de estallar a guerra, editaba a revista Paso a la juventud . Empecei a procurar anécdotas daquel republicano que inventaba cousas por amor, pois, namorado dunha pianista que cataloga de moi fermosa, inventoulle un sistema para pasar as follas da partitura por un mecanismo que actuaba co pé sen necesidade de sacar os dedos das teclas. Despois da guerra fuxiu a Francia, cun macuto no que gardaba os documentos que o acreditaban como inventor, pero no traxecto polos Perineos, foi tal a chuvia que caeu, que os papeis da patente convertéronse nunha masa informe e inútil. Sen embargo, a súa idea foi aproveitada por outros e o invento empezou a fabricarse sen o seu consentimento; e daquela, o inventor, moveu leis e leiseiros ata que os fabricantes lle recoñeceron a autoría e lle pagaron o suficiente para que puidese refuxiarse no Ecuador, onde fundou a revista literaria 0º, 0¿,0¿¿, na que publicaba obras de León Felipe e Max Aub, ata que volveu retomar a idea de fabricar o futbolín nunha empresa guatemalteca. De Alexandre Finisterre, como quixo ser coñecido, poucos sabían que tamén foi o primeiro secuestrador aéreo, cando tras o golpe militar de Castillo Armas, en Guatemala, no 1954, foi raptado e metido nun avión rumbo á España franquista, e entón el, home de recursos, improvisou nos lavabos con xabón e papel de estaño, un artefacto que semellaba unha bomba para obrigalos a aterrar nun país libre. En México retomou a súa amizade con León Felipe, de quen non só foi editor, senón que tamén se converteu no depositario da súa obra, que logo doaría ó concello de Zamora. O domingo, falando con Xulio, lembramos que seu avó, non estaba chocho, que cando falaba de Alexandre Finisterre facíao con aprecio por un home que dirixiu a súa vida polos camiños da humanidade, só que nós non sabiamos distinguir un xogo dunha obra de filantropía. Agora que o pensa, ¿non estará cometendo un pecado de soberbia nas portas do máis alá? ¿E se por iso o botan para abaixo?.