Reportaxe | De celebración na Pobra Benita Lago García festexou onte, en compañía dos seus familiares e de autoridades municipais, o seu cen aniversario
05 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.O lugar de Outeiro, na parroquia pobrense do Xobre, atopábase onte inmerso nun ambiente festivo pouco usual. Motivos non faltaban, xa que unha das súas veciñas, Benita Lago García, convertíase en centenaria. Familiares, veciños e incluso autoridades municipais non quixeron perder a oportunidade de festexar con ela a boa saúde coa que acada un século de vida que, como ela recoñeceu, estivo marcado polo traballo. A propia Benita Lago relatoulle onte aos que se achegaron á vivenda que comparte co seu fillo, coa nora e con tres netos, como transcorreu a súa vida. Destacou que apenas foi á escola un mes, tempo que aproveitou para aprender algo a ler e a escribir. O feito de pertencer a unha familia integrada por sete irmáns máis provocou que, dende moi pequena, tivera que dedicarse ás tarefas do campo, botándolle unha man aos seus pais. Ao longo da súa vida tamén traballou nunha fábrica de bacallau da Pobra e incluso exerceu como peón nas obras dalgunha estrada da localidade. Benita Lago explicou que foi tanto o que traballou no pasado que agora decidiu descansar: «Agora traballan os outros, aínda que non tanto como na miña época». Aínda así, a pobrense recoñeceu que, con frecuencia, acude ás fincas da familia para inspeccionar como van as colleitas de patacas ou de hortalizas. Alédase da boa saúde que a acompaña a pesar da súa avanzada idade: «Hai corenta anos que teño un só ril e teño a sorte de non botar en falta o outro». Iso si, nos últimos meses resentiuse un pouco da vista debido a unha operación de cataratas. Onte esqueceu este pequeno contratempo para festexar o seu aniversario. Ata o seu fogar desprazáronse o alcalde, Isaac Maceiras, e as concelleiras Rosa Fernández e Isabel González, que obsequiaron á homenaxeada cunha torta e cun ramo de frores. Benita Lago non só se animou a soprar as velas, senón que tamén se sumou ao brinde con cava que tivo lugar na súa honra. Non quixo desvelar o desexo que pediu, aínda que sinalou que se conformaría con seguir gozando da boa saúde que ten agora mesmo e con estar ao lado dos seus familiares.