Os animais convértense en protagonistas do celuloide

Chechu López RIBEIRA

BARBANZA

GESTOSO

Reportaxe | Curtametraxe sensibilizadora Fernando Cortizo estreará este mes o seu último traballo, no que se fala do sufrimento infrinxido polo home

02 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Estudou Veterinaria, pero tras exercer esa profesión durante un lustro chegoulle unha grande oportunidade de traballo dentro do sector audiovisual: a elaboración de curtametraxes de animación. Pero Fernando Cortizo non se afastou totalmente da súa formación académica. Primeiro fixo a película Bukowski, que presenta a visión dun can escapado na derradeira noite da súa vida. Tralo éxito desa cinta, agora volve recorrer á mesma temática na súa última produción, Dez olladas, onde ofrece a perspectiva do maltrato que padecen varios animais, co obxectivo de chamar a atención dos homes sobre o seu comportamento. Fernando Cortizo escapa da mirada bucólica habitual que se presenta a través dos documentais de animais vistos desde fóra para utilizar a cámara e exhibir a visión dramática deses exemplares. Compróbase a evolución dunha porca preñada entre barrotes, dun polo cebado para matar, unha vaca pechada nun cortello ou nunha granxa intensiva, un canario nunha gaiola, a captura dun centolo e a súa vida nun acuario, un can encadeado, entre outros. Ambientación musical As imaxes se acompañan cunha música clásica elixida polo propio Cortizo, e coa que pretende darlle maior tensión ás escenas. Despois de presentar o produto resultante na Xunta para que subvencione a curtametraxe, neste momento estase cos retoques finais para estrealo en Barbanza e, a continuación, presentalo en varios festivais. A fase de rodaxe tivo como localizacións varios espazos de Boiro, Arzúa, Santiago, Pontevedra e Redondela. Na montaxe non se tivo en conta para nada o ritmo de documental, nin está narrado. O que se pretende é que durante os 15 minutos de duración da curtametraxe o espectador coñeza as sensacións que percibe un animal en certas situacións, como o abafo dun canario engaiolado mentres ve unhas pombas en liberdade. «É como unha especie de denuncia dos abusos que se cometen cos animais e que as persoas vemos como situacións normais. Non pretendo que sexa moralizante nin amosar un texto poético, senón presentar realidade», precisou Fernando Cortizo. O nexo de unión de todas as escenas é un acuario caseiro, un contrapunto coas vidas desgraciadas das demais especies. Tamén pretende chamar a atención sobre o mercado dos peixes, para que sexa máis restrinxido e non se permita metelos en pequenos recipientes senón é nas condicións adecuadas. Dignidade «Coa cría intensiva xa non hai respecto polo animal. Considero que merecen que se lles trate con dignidade, o que non quere dicir que non se lles poidan sacar os ovos ou matalos para comer carne. Se nos portamos ben con eses exemplares e lles damos un adecuado tratamento, iso tamén nos dignifica», matizou o cineasta barbancés.