TRIBUNA ABERTA | O |
09 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.NUNHA nota de prensa do pasado día 4, o alcalde de Boiro, Xosé Deira, e o concelleiro de Urbanismo, Xoán León, dixeron publicamente que descoñecen a viabilidade dos convenios con Eroski e LyC e ao mesmo tempo aseguraron a súa legalidade. Resulta esta unha contradición que debería ser moi ben explicada, sobre todo antes de acusarme de manipular, esaxerar e escandalizar aos veciños. O equipo de goberno de Boiro está demostrando día a día a súa incapacidade política para xestionar e defender os intereses dos cidadáns e recorrendo a proclamas populistas como a presunta xeración de emprego dos convenios, sen ningunha base nin xustificación efectiva. Se critica ao señor Alonso por utilizar os postos de traballo como arma para defender os seus intereses políticos. Agora, Deira fai o mesmo para defender dous proxectos que sabe que non responden nin aos intereses do pobo nin a un bo concepto da xestión pública. Ninguén pode crer que LyC vaia xerar 300 empregos, pero en todo caso, esa oferta só é unha declaración de intencións, non é ningún compromiso efectivo. Hai outras formas de xerar emprego, que ICBoiro sempre defendeu e que non se impulsaron pola incapacidade ou miopía do señor Deira. Levamos catro anos sen desenvolver a segunda fase do polígono industrial. Todos sabemos que se perderon empresas que si creaban postos de traballo. Propuxen un complexo hoteleiro con servizos de talasoterapia e campo de golf para aumentar a calidade do turismo e fixeron mofa da proposta, aínda que tamén creaba postos de traballo. Aparcouse a posta en marcha da planta de biomasa, que non só xera emprego, senón que axuda ao mantemento do monte e diminúe o risco de incendios. A falta dunha boa xestión do Concello impediu a captación de subvencións das diferentes Administracións, o que si xerarían emprego. Ademais non se controlou o gasto público, o que dá lugar a corruptelas, nin se impulsou a calidade e a cantidade de servizos públicos. Todas estas propostas fíxenas cando estaba no equipo de goberno e como ao parecer eu molestaba tanto, botáronme fora. En definitiva, o señor Deira demostrou a súa incapacidade persoal para dirixir o Concello e agora arróxanos os postos de traballo de empresas que nin sequera están en disposición de ofrecelos como escudo da súa incompetencia. ¿Quen engana aquí, señor alcalde?.