ENRIQUE MARIÑO SÁNCHEZ (CABO DE CRUZ)
16 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O veciño de Cabo de Cruz Enrique Mariño é un dos participantes no programa Crear que apostou polo sector do turismo náutico para desenvolver a súa iniciativa empresarial. Este boirense dedicouse toda a vida á pesca e a tarefas bateeiras, por iso agora decidiu ofrecer excursións pola ría de Arousa, pero enfocadas sobre todo a visitar as zonas onde se atopan estes artefactos flotantes. O seu obxectivo é amosarlle ás persoas interesadas os pasos que conforman o proceso de produción do mexillón. Enrique Mariño xa conta cun barco e incluso ten varias bateas, aínda que a súa idea é visitar tamén os artefactos doutros profesionais e axudarlles así a complementar a súa actividade mexilloeira coa turística. Dado que a súa intención é dedicarse durante todo o ano a este traballo, posto que unha lesión que sofre dende hai uns anos impídelle realizar esforzos, pretende orientar o negocio aos turistas durante a tempada estival, e no inverno, imprimirlle carácter formativo: «Gustaríame facer unha labor didáctica, ensinándolle aos escolares onde están as bateas e como se traballa nelas, co fin de que aprendan a apreciar esta importante fonte de riqueza que ten a ría arousá». A maiores, Enrique Mariño pretende tamén amosarlle aos interesados os parques naturais da zona e outros lugares de interese, ao tempo que lles ofrecerá a posibilidade de practicar pesca deportiva.