O éxito que acadou o programa Crear na súa segunda edición sorprendeu gratamente aos catro alcaldes barbanceses, que apostan por solicitar unha nova subvención á Xunta para unha terceira fase. Os responsables de Arousa Norte chegaron a esta conclusión despois de asistir ao acto de clausura do plan, no que sete emprendedores presentaron as súas iniciativas empresariais. Deste xeito, os alcaldes tiveron a posibilidade de coñecer de primeira man o resultado das clases teóricas e prácticas impartidas polo persoal da mancomunidade. En xeral, as ideas expostas foron cualificadas polos rexedores como moi orixinais e necesarias para contribuír a potenciar o turismo na zona: «Non cabe dúbida de que o futuro deste sector pasa por explotar a ría de Arousa, e é importante que se poñan en marcha empresas do sector náutico, porque creo que teñen moito futuro», comentou o presidente da mancomunidade, Isaac Maceiras. Os catro alcaldes coinciden á hora de destacar a importancia que está adquirindo o programa Crear e son partidarios de seguir adiante con el no 2007. «É unha forma de axudar a emprendedores que non teñen moi claro a quen poden acudir e que só precisan asesoramento para sacar adiante os seus proxectos», dixo Maceiras.