A presenza nos medios

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

02 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

NA SOBREMESA dun xantar de traballo, mentres criticaban á empresa que os emprega e pola que van deixando no camiño os anos máis produtivos da súa vida, tras un novo anuncio de que deben apertar o cinto e que por razóns puramente de supervivencia terán que prescindir de certos beneficios, a Hipólito non lle queda máis remedio que lembrar a crise dos noventa, cando o paro acadaba cotas preocupantes e os gobernos do momento aplicaban peregrinas leis, que pretendían subsanar a forte crise en favor de sectores socias máis ou menos interesantes. Lembrou cando, daquela, un alto directivo reuniunos para lles amosar a realidade da situación e o que as cabezas pensantes decidiran aplicar en cada departamento co fin de aguantar aquela mala racha sen perder cota de mercado. Empezara aquela presentación con grande despregue de filminas ateigadas de curvas, baremos, estatísticas e demais dados que se complementaban cun groso informe para cada un dos presentes, para facerlles ver que, a solución máis doada, era poñer a todos na rúa e contratar xente nova, con novos soldos, novas ideas e un seguro de docilidade. Despois de meterlle o susto no corpo, o alto directivo presentou o seu plan de choque baseado nun forte recorte de custos que, como non pode ser doutra maneira, afectaría directamente ás nóminas e, ¡sorpresa!: a inmediata posta en marcha dunha campaña publicitaria en prensa radio e televisión que se levaría por diante o presuposto de medio ano. De súpeto, as cadeiras da mesa de reunión comezaron a renxer como se cobrasen vida, para expulsar dos seus asentos as pousadeiras que soportaban tanta mudez. Só un ousado ergueu a man para preguntar se esa medida fora tomada con senso ou á présa, porque era evidente que, dada a situación amosada, esa campaña non era máis que tirar cos poucos cartos que dicían ter. O alto directivo, cunha arrogancia insultante, proclamou que o importante para seguir vivindo é que «soe o noso nome, que se escoite e se nos vexa vivos». Mortos de fame pero vivos Daquela, todos saíron da reunión pensando nun final a curto prazo. O pesimismo fíxose dono deles; e xa ía Hipólito botando pestes contra a dirección cando se atopa con Xulio e lle conta as súas tribulacións e a nefasta esperanza que lles quedaba. Entón Xulio, home de moitas lecturas, animouno dicíndolle que, precisamente, nunha crise dese tipo, a medida a tomar non podía ser outra: a presenza nos medios para que todos vexan como, diante da adversidade, eles teñen o hórreo cheo. E de seguido lembroulle aquel conto de Castelao, a historia do Rifante, aquel mariñeiro que gañaba pesos a moreas, e un día, diante dunha crise pesqueira, cando toda a vila o estaba pasando mal, el, pai dunha morea de fillos pedindo caldo, foi xunto dun prestamista a pedirlle mil reais para lle botar un balcón novo á casa. Ante a sorpresa do prestamista, que lle fixo ver que a fame cúrase con pan, o Rifante aseguroulle que a vergonza é peor que a fame, e que en canto comece a obra, ninguén ía pensar que na súa casa non tiñan que levar á boca, senón que ó Rifante aquela crise non lle afectaba. E iso dá moito creto. Aquel era un conto, pero como sempre, a literatura dános exemplos de vida; e neste caso, a crise dos noventa pasou e a empresa daquel entón soportou o temporal atraendo compradores con imaxes luminosas e caras felices, mentres os máis directos competidores se viron obrigados a pechar as portas ou a trocar de negocio.