LINGUA PROLETARIA | O |

18 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A BORDO do Cernello , un buque factoría que por mor das licencias de pesca baixou dos caladoiros do bacallao dos mares do Norte á pescada nos de Namibia, souben o que era, en argot mariñeiro, un mini-sort, despois de varios días sen que o aparello subise máis que fango, algas e moito patexo. O capitán, un home bragado en faenas propias dos mares fríos, era acusado polos entendidos de non saber pescar, porque lle poñía ó saco unha tralla moi pesada, só apta para outras latitudes, e polo visto non sabía que cada peixe ten a súa altura para andar, e o tren de arrastre deste aparello cae ó fondo e arruína o chan, por onde, ademais, a pescada non anda nunca. Naquela campaña todos iamos á porcentaxe, pero como a un capitán ninguén lle ía dicir nada, mirabámonos con desconfianza, para ver en quen, finalmente, ía recaer a culpa de que aquel factoría non fixese cartos, e os pequenos fallos de cada día eran sinalados como pecados graves, como ataques directos contra o compañeirismo ou de falta de colaboración. Un día, o capitán, botando contas sobre adegas baleiras, mandou coser o mini-sort, unha rede moito máis tupida no copo do saco, pero aínda así, este, ó final de cada lance seguía traendo algas, patexos e crianzas de peixiños que ían dereitamente para a fábrica de fariña ou devolto ó mar como materia morta. O mar deixábase espoliar sen dor, e nos momentos de descanso, mirabamos aquel aparello de pesadas rodas e imaxinabámolo polo fondo como un arado arrasando o hábitat de toda a fauna. Aquilo si que era matar por matar. Imaxinabamos aquel fondo, outrora selva mariña, convertido nun deserto sen vida despois de pasar o noso artefacto. Días houbo no que subimos o saco baleiro, e nas moitas horas que tiñamos de asueto obrigado, entre cervexa e cervexa, os máis vellos criticaban que estabamos acabando co mar para nada. E por improdutivo, o Cernello foi chamado a porto antes de rematar a campaña. Estes días leo que os expertos din que a falta de pesca nos caladoiros tradicionais é culpa do crecemento da poboación por encima dos recursos, e eu creo que o din para non proclamar que levamos moitos anos explotando os recursos por encima do necesario, con técnicas de arcaicos buscadores de ouro, arrasando unha montaña enteira para sacar unhas areas peneiradas nunha patela; e auguran que o mal menor será que, dentro de quince ou vinte anos, todo o peixe que comamos sexa de granxas acuícolas, alimentados con penso como os polos. A sobrepesca acaba, está acabando ou quen sabe se non acabaría xa co mar, e a falta de pesca cos homes que viven dela. Non fai falta mirar para ningún lado, nin culpar ás volantas francesas, aos arrastreiros portugueses ou ao rei Hassan de Marrocos, hai que entender que as cotas non son para limitar as ganancias, senón para permitir a rexeneración das especies, que unha moratoria é como unha poda de frutais en inverno e que cada quen debe asumir a parte de culpa que lle toca, se queremos seguir vivindo do mar. A biodiversidade non é un conto dos ecoloxistas para converter o mundo nun edén, alimentándonos de mazás e papar a bévera, senón un dos factores que máis inflúen na economía a máis ou menos longo prazo, e mentres o egoísmo competitivo non nos poña de acordo, seguiremos camiño de acadar, na volta de cincuenta anos, esa redución do noventa por cento das especies máis habituais no consumo humano que prognostica a revista Science . Hai moitos anos que a armadora do Cernello xa non existe, porque antes de acabar co mar acabou consigo mesma, pero antes, á volta daquela desastrosa campaña, falouse de probar sorte nos mares do Perú. Polo visto tampouco alá souberon pescar con xeito.