Paradoxos no mar

| MONCHO ARES |

BARBANZA

O MUNDO do mar é o mundo do paradoxo. Por exemplo, nos bancos naturais que administra a Confraría de Cabo de Cruz non había cinzas nin restos dos incendios... ata que a conselleira veu a Raposiños e A Torre e anunciou axudas aos afectados; acto seguido, disque morreu unha morea de marisco. Outra perla: fálase, como todos os anos por estes tempos, de adiantar a campaña da centola, canto máis mellor; aínda empezando o 23, saben todos que a imaxe de toneladas de crustáceo de escaso valor nas patelas da lonxa vaise repetir, e cando chegue o tempo apropiado para o seu consumo, a pesqueira estará xa tocada, como sempre polo Nadal. Pero como non todos son paradoxos, os produtores de Aguiño foron ao percebe esta semana, e como viron que non era moi grande e que están a pouco máis dun mes para a tempada alta, acordaron traballar un día á semana, e con coidado. Así se fai.