Improvisación

| MONCHO ARES |

BARBANZA

É MOI doado criticar cando se forma parte da oposición, pero difícil cumprir unha vez que trocaron os papeis. E para mostra, o que está a pasar cos restos dos incendios forestais. Lamentablemente, a Administración galega está poñendo en evidencia que non só cometeu erros, en certo modo xustificables, cando arderon os montes, senón que non foi quen de prever as consecuencias, que non ían ser novas, porque se deron sempre. Para evitar as inundacións, o lóxico era que, como mínimo, fixeran un esforzo por limpar as concas dos ríos, ou puxeran en mans dos concellos os medios para facer isto e tamén para desatuír a rede de sumidoiros. Non fixo nada e as consecuencias van ser a que estamos a ver. Incluso se houbera posto sistemas de retención nos montes, probablemente non habería tanta lama no mar. Está demostrado que a improvisación é apolítica, é humana.