LINGUA PROLETARIA | O |
28 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.A ICONOGRAFÍA de San Antonio María Claret non amosa a un pobre de roupa luída, mal barbado e descoidado, senón a un prelado ricamente vestido de arcebispo, enxoiado, afeitado e de mirada desconfiada. Non era para menos cos tempos que lle tocaron vivir, entre pezoñentas linguas viperinas pululando pola corte con exaltadas proclamas liberais. En 1836, o mesmo ano en que Mendizábal asina o primeiro decreto de desamortización, (daquela non se poñían cruciñas na declaración da Renda), fora ordenado sacerdote, baixo a consigna dos seus superiores de que a fe en España estábao pasando moi mal e había que poñerlle remedio. E, obediente e fiel, desde a primeira parroquia, comezou a actuar no que el mesmo denominaba a recatolización de España (daquela non se levaban as manifestacións), predicando, espallando as chamadas misións populares (daquela non había emisoras de radio e só se predicaba desde o púlpito) ou valorando a palabra escrita, ata converterse no grande impulsor dos medios de comunicación postos ó servizo dunha causa concreta, escribindo en castelán e catalán (indistintamente) folletos e libros dos que Xacinto Verdaguer chegou a dicir que por eles, Claret, era o primeiro, o máis activo e o máis popular propagandista catalán da centuria, sobre todo despois de que escribise un catecismo do que se venderon catro millóns de exemplares (daquela non se falaba de bestsellers ). Claret foi o (ata agora) último confesor rexio que acadou o título de santo, grazas ós consellos e á paciencia que tivo coa libidinosa raíña Isabel II, a quen el confesaba e aconsellaba, moitas veces en contra da opinión dos seus propios ministros (daquela non había sufraxio popular que puxese a cada quen no seu sitio). Unha paciencia que ás veces se vía interrompida, por desacordo co consello de Estado, coma cando a monarca recoñeceu ó nacente estado italiano, que obrigaba ó Vaticano a recluírse entre as catro palacianas paredes da praza de San Pedro, e Antonio María, indignado, colleu a porta e marchou protestando, porque ó seu entender os eternos valores que unían á monarquía española coa santa Igrexa católica, apostólica e romana foran violados. Claro que, o Papa, máis espelido en lides diplomáticas, ordenoulle volver xunto da raíña, que mendizábales hai moitos, é hai que estar alerta por se a alguén se lle ocorre volver a expropiar o rico patrimonio da Igrexa española. Paz ao pazo real De San Antonio María contan que trouxo a paz ao pazo real cando o rei consorte non quixo asistir ó bautizo do futuro monarca Alfonso XII, porque era vox populi que o infante era fillo dun daqueles xenerais bonitos que despachaban coa raíña entre sabas de seda (daquela non se levaba o divorcio), e, como pecado agochado está medio perdoado, el perdoaba e absolvía á moi católica maxestade cun par de avemarías e unha boa esmola para aliviar as penas do purgatorio (daquela, o confesionario era a única oficina de casación). El mesmo, foi acusado de ser amante da nosa primeira dama, acusación da que se defendía coa ambigua frase «nunca pasei unha noite na mesma casa ca ela» (que daquela o que dicía un cura ía a misa). Pero cando a revolución do 68 obrigou a Isabel a exiliarse, el tamén se foi, abandonando a recatolización de España. Con tanto celo pola maior gloria da Igrexa, Antonio María estaba chamado a subir á peaña do santoral, pero aínda facía falta o milagre que demostrase que era un dos escollidos da divindade, e isto sucedeu cando en 1907, con motivo do centenario do seu nacemento, ó exhumar o seu cadáver para levalo a Vich, encontraron que o seu corazón e o seu cerebro permanecían incorruptos. E desde aquela ninguén ousa dubidar da súa santidade.