«Gústame comunicar e transmitir vivencias»

J. M. Sande CORRESPONSAL | MUROS

BARBANZA

Entrevista | Luciano Piñeiro González Despois de vivir moitos anos en Castela traballando como profesor, este muradano de 82 anos saca á luz o seu último libro

10 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai unhas semanas, Luciano Piñeiro, de Louro, presentou o seu derradeiro libro de poesía na casa de cultura de Muros. O título do poemario é Aporías do tempo fuxidío, está patrocinado polo Concello e editado por Toxosoutos. Con 82 anos, Piñeiro segue pasándoo ben cando transcribe no papel as vivencias e sensacións propias. -¿Como foi a xénese da saída ao prelo do seu libro? -O meu amigo Manuel Pena contactou hai uns meses co concelleiro de Cultura, Xosé Ramón Farinós, e este foi quen deu os pasos necesarios para a publicación do volume. Cando Belarmino Maneiro sucedeu a aquel, buscouse unha data axeitada para facer a presentación, e demos a coñecer a obra. -¿Quen asistiu á presentación da súa derradeira obra? -O acto estivo presidido pola alcaldesa, Caridad González, e ademais contamos coa presenza de Xosé Agrelo; do director da coral Agustín González, Domingo Barreiros; e de representantes do Concello e preto dun cento de persoas. -Falando da obra, ¿cal é a súa temática? -Os poemas tratan de distintos temas; hai uns con carga filosófica-existencial; outros de carácter relixioso. Uns máis con proxección histórica, paisaxística, intimista, familiar e tamén algúns relacionados con Galicia. -O autor do prólogo leva o seu mesmo apelido, ¿ten algunha relación familiar con vostede? -Si, é o meu fillo, Chano Piñeiro Lago, que tamén é o autor das oito ilustracións interiores, ademais da portada. -¿Cal foi a súa traxectoria como escritor? -Hai moitos traballos meus espallados por diversas publicacións de toda España, xa que vivín moitos anos en Castela, exercendo como mestre. Escribín tanto para a prensa como para a radio. Hai un ano tamén apareceron uns vinte poemas meus nunha antoloxía titulada Poetas de Herbón. -¿Con algún deses traballos obtivo premios? -Fun galardoado cun primeiro premio en Radio Nacional de España cun conto titulado El retorno, pero desto xa fai algún tempo. -Ademais das referidas, ¿ten algunha obra máis publicada? -Si, teño en castelán un poemario que se chama Intimalia; outro titulado Con Dios a barlovento; e en prosa, as obras Historias boubas e outras lilainas e Vinte escolios de doxografía política, ambos en galego. -¿Mantén aínda desexos de escribir? -Gústame comunicar e transmitir vivencias, ilusións e paixóns. Tamén gozo plasmando por escrito canto me satisfai e aínda que o fin non sexa sempre o de dar a coñecer o que sinto, pásoo moi ben cun boli e un papel, que moitas veces esborrancho e rompo e outras conservo. -¿Quere engadir algo máis a propósito desta última publicación? -Agradecer ao Concello de Muros e a cantas persoas fixeron posible que se imprimira esta derradeira obra literaria. Tamén aos que participaron na loxística do acto de presentación e a todos os asistentes ao mesmo, e a cantos se dignen a ler esta obra que acabo de facer.