Que empecen xa

| MONCHO ARES |

BARBANZA

POSTA A primeira pedra da autovía, agora só falta que empecen as obras... e que cheguen ao seu fin. O de onte foi un acto publicitario que, do mesmo xeito que todos os feitos polo anterior goberno da Xunta, satisfai aos amigos da pose. É verdade que algo andamos, pero cun atraso que sumado ao que xa arrastrabamos, desde o mesmo momento no que se concibiu unha mala estrada como vía rápida, fai aos usuarios acredores a algo máis que a un premio á paciencia e comprensión. As cifras oficiais falan de 56 mortos, pero foron máis, porque non se computan aqueles que faleceron tras longo tempo de recuperación estéril. A pesar de todo, as protestas foron de portas para dentro, afeitos os usuarios a sufrir as inclemencias viarias que sempre caracterizaron a esta comarca. ¿Sería onte o primeiro día do fin do pesadelo? Ogallá que si, non vai ser que a estrada quede anticuada antes de usala.