A Igrexa e o IVE

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

30 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

DAS MOITAS misas que tía María leva ofrecido polo seu finado, nunca recibiu un papel que testificase o pago das mil calandruscas que o párroco lle cobra por citar ó defunto un par de veces durante os oficios. Unha misa cada mes na data de defunción, unha polo aniversario, outra polo seu santo, outra porque soñou con el e outra porque algo lle fai desconfiar da pesa do arcanxo San Gabriel para sacalo do purgatorio, multiplicado por non sei cantas tiamarías que hai na miña parroquia, converten ó máis alá no negocio máis rendible e libre de impostos que existe. Sen contar con que ademais, por prevención, a tía María solta, todos os domingos, a calderilla que leva na caixa das ánimas, coma quen dá unha xenerosa propina. Pero o pasado maio, cando foi facer a declaración da renda, o xestor díxolle con ton confidente que lle saía a pagar, porque non tivera gastos xustificados durante todo o ano. -Pero filliño, co que levo dado en misas pola alma do meu Andrés. ¿E se lle pido as facturas ó párroco?. -A Igrexa non paga o IVE -foi a resposta do xestor. Nese intre, a tía María pensou que realmente Facenda non somos todos, e un pouco contrariada aconsellouse con Xulio, que é profesor de instituto, pero como este é un pouco bruto falando de certas cousas, deixouna de pedra cando lle dixo que todo ese diñeiro que lle deu ó crego, é diñeiro negro. -Dilo como se os curas fosen uns narcos do demo. Daquela Xulio explícalle que se non hai IVE non hai cartos para a Seguridade Social, e sen cartos aumentan as listas de espera, restrinxen as medicinas e os médicos non tratan ben ós pensionistas. -¿E todo por pagar unhas misas? -Por non pagar o IVE. A tía María, cargada de tribulacións, foise confesar a outra parroquia para non lle contar as súas dúbidas ó párroco de sempre, que ela quere salvar ó seu home das penas do purgatorio, pero tamén que a traten con xeito na Seguridade Social; e volveu máis contrariada aínda, porque aquel curiña veulle dicir que, para evitar ese cargo de conciencia, podía ir á misa e ofrecela polas súas intencións sen pagar nada, ou, se o prefería, darlle unha caridade a un pobre da parroquia, mercarlle algo e levarllo coma quen fai un galano, que as cousas da tenda xa teñen o IVE incluído. Pero para a tía María unha misa así non é como é debido, porque nunha misa por un defunto, este debe ser mencionado desde o altar, como se fixo desde que o mundo é mundo, para que no ceo saiban por quen se reza, que tamén ela, cando o párroco, que ás veces cita a tres ou catro nun só oficio, se esquece do seu Andrés, aló vai á sancristía a reclamarlle, que ela paga para que llo nomee. E agora vén este curiña novo con modernismos que nunca se viron. Pero estoutro día soubo polo telexornal que á Igrexa vanlle aumentar a asignación por cadro marcado na declaración da renda ó 0,7%, e aínda que Xulio, despois de botar contas, vai dicindo que con iso correspóndelle unha subida bruta anual do 17%, que a ver cando ningún obreiro ou xubilado tivo un aumento semellante, para ela é unha tranquilidade, pois con esa suba vai implícita a obriga da Igrexa a declarar o IVE; e así, declarando e pagando a Deus o que é de Deus, á Facenda o que é da Facenda e ós pensionistas o que é dos pensionistas, a todos nos irá mellor, pensa mentres pasa as doas do rosario. -Pero polas misas seguirán sen darche recibo, tía María.