A visita dos Reis

| JOSÉ ANTONIO VENTOSO |

BARBANZA

Ás veces. Os erros humanos son produto da ofuscación. O menos que se pode pedir a unha visita Real e a de non depender do observador. Pasei o filtro de protocolo. Non eran as dez de maña cando, salpresos de calor, nos encerraron no salón de plenos do Concello de Ribeira. ¡Non vin nada! Mentres chegaban os Reis, inauguraban a praza do Centenario, saudaban aos veciños dende o balcón e ¡nos sen poder movernos! Nun vira vira, saudaron a alcaldes e ex alcaldes, asinaron no libro de honra, recibiron do rexedor unha fermosa dorna e unha boneca, made in Magdalena, que nin lle prestaron atención e saíron cara o Malecón, acompañados de seguratas, seguriñas, homes do maletín, ministros e demais alcurnia. ¿A verdade? Pareceume un acto frío, moi protocolario, pero sen ánima. Non sei que puideron percibir de Ribeira; cando chegamos á Feira do Mar xa o Rei levantaba o voo en helicóptero. Lembroume ás «visitas footing» que tanto gustaba Fraga. No próximo centenariazo quizais veñan con máis tempo. O Rei é o símbolo que representa a unidade do estado. Porque o apreciamos, desculparémoslle as presas. Demorei un anaco na feira. Probei a rica empanada de peixe, elaborada ao xeito artesanal polos mozos propietarios do Forno de Castiñeiras. Mirei o moucho anti gaivotas, na caseta de Chicolino. As redeiras de Pedras Vivas fixéronme saber que tamén loitan contra vento e marea. Conservas Luou deixoume roubar as receitas de algas e, no Clube Náutico Ribeira, atendín ao vídeo presentación, da man do seu presidente. Grazas a Hidronáutica puiden cubrir a suor a chorro cunha viseira, mentres escoitaba a un naseiro do lugar de Bretal os segredos da nasa para a captura do cangrexo real. Recuperei folgos. Primeiro en Congalsa. Ramón Doval plantou albariño e tamén churros de peixe ¡Grazas Ramón! En Fribal, Rey e Fandiño non deixaron seguir sen asentar un pinchiño de ventresca de atún e tamén un grolo de ribeiro. Fandiño coa emoción, repetía e repetía: «! Non teño palabras!»; á caseta de La Voz, era impensable achegarse, ¡aquelo non era xentío, era unha auténtica marabunta!. E marchei...