LA LLAVE
26 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.ERA LOLA muller hiperactiva e loitadora á que o destino xogou unha mala pasada, o peor dos pesadelos para unha nai, unha eiva no ciclo vital, como é que a morte dun fillo chegue antes que a dos seus proxenitores. Naquel Quéchulo fóronse dous rapaces na flor da adolescencia, e tamén moito dos seus pais. Pero quedeime coa imaxe de Lola porque a coñecera pelexando en tempos difíciles contra inimigos poderosos, e non foron quen de retorcela; quedeime coa súa cara desencaixada de ira polas consecuencias dun traballo mal feito e a dor da incomprensión; quedeime coas súas verbas cortadas polos choros... ata que non volvín a vela nin a escoitala. Pero hoxe vexo a Lola sorrir na páxina L4 desta edición e sei que regresou, que está aquí de novo disposta a loitar, e empeza, xunto a Lampón, con xenerosidade e agrandando a memoria de Juanciño, que estará orgulloso de que Lola volva estar con nós.