¿Por qué será?

JOSÉ RODRÍGUEZ CABEZA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

09 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

CANDO VOSTEDES, queridos lectores, folleen este xornal antes de chegar a esta columna, pode que a nova máis destacada sexa esa anunciada manifestación das vítimas do terrorismo. Penso que asistín á tódalas concentracións diante da casa do concello pobrense para compartir a escenificación de repulsa por ese xeito de impoñer vontades políticas pola lei da forza perversa, como, sen dúbida, é o terrorismo, con asasinatos ou con outras mañas violentas. Pero, naqueles intres, tíñanos unha concordancia xeral de xuízos e desexos que hoxe non se posúen. Por exemplo, que emocionante foi aquel ofrecemento, manifestado en público, con firmeza e viva voz, do que foi alcalde da nosa valle-inclanesca vila, Álvaro Viéitez, de formar parte nas listas electorais en Euskadi, en solidariedade cos que se xogaban a vida por defender os valores da liberdade e da democracia, ou o apaixonamento co que Rosa Díez, nun mitin en Noia, facía un chamamento á cidadanía para que nos arrepuxésemos a tales monstruosidades en defensa da dignidade vasca. Comparto con Felipe González a tese de que o goberno, neste tema, debe ter o apoio da oposición, aínda que se trabuque, pero o que non se pode compartir é que, baixo a escusa desa lexitimación, o PSOE estea promovendo, tan atoladamente, uns plantexamentos territoriais que supoñen un enfrontamento entre os españois que nos retrotraen ás páxinas máis negras da nosa historia. Tamén lembro a unanimidade coa que se aprobaban, nos concellos, as mocións de repulsa dos actos terroristas, incluído o BNG que, nese senso, hai que reconocerlle favor ao liderado de Beiras diante de certos indesexados movementos en Galicia. Se nos poñemos a pensar, decatarémonos de que, si hoxe en día non hai mocións como as de entón, por algo será. ¡Con esa perspectiva, que grandes son, hoxe, Rosa e Álvaro!.