LINGUA PROLETARIA | O |
03 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.NON SEI se algún latinista, polígrafo, filólogo ou calquera outro profesional afín á ciencia das palabras, saberá dicirme con que nome debemos definir á nai que non ten fillos. Podo asegurar que consultei con amigos entendidos en asuntos idiomáticos, pero non me deron ningunha razón clara. É como se o vocabulario evitase as palabras que non desexa usar. Para outros casos, viúvos para esposos sen un dos cónxuxes ou orfo para fillos sen pais, que forman parte do máis primitivo uso do idioma, todos sabemos cal é o seu significado e empregámolas, con maior ou menor resignación pois, a pesar de que as situacións que definen causan dor, comprendemos que a viuvez ou a orfandade forman parte da vida, son chanzos que hai que soportar; pero cando uns pais perden un fillo parece que non cadra, e entón non sabemos chamalo. Un amigo poeta dime que el tamén lle chama orfo ó pai sen fillos, pero non é o mesmo, é como se se collese a palabra prestada do seu orixinal significado para cubrir un baleiro, como se se buscase un remedio para entrampar algo que en boa lei nunca debera terse producido. É como se o mesmo vocabulario, que nace no pobo e no pobo reside, negase un termo para tal suceso, como se así fósemos quen de esconxurar tan antinatural acontecemento, como se, carecendo dun significado puidésemos evitar o feito, algo semellante ó que os clásicos chamaban o poder da palabra, neste caso, da «non palabra», para definir tal desgraza contra natura: que os fillos sexan quen enterran ós pais e non ó revés. Xulio é quen me di que o mesmo dicionario, o «tumba burros», o compendio do vocabulario, ese elemento que se vai enriquecendo día a día con novas aportacións, que ó largo da historia modifica as súas definicións, que se adapta ós novos usos e crea novos termos, semella aliarse cos límites da comprensión humana, como se el mesmo, co seu silencio, quixese negar a posibilidade da existencia dunha nai ou dun pai orfo de fillos; aínda que, desgraciadamente, esa é unha realidade que existe a pesar de que non exista a palabra que a defina.