Os abusos do poder

JOSÉ RODRÍGUEZ CABEZA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

12 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

CONTAN QUE, cando por orde dun superior, un alguacil estaba prendendo á un suxeito, este arreoulle un trompazo. O inxenuo funcionario, razoando co alcalde, díxolle: «realmente a quen lle pegou foi á vostede, señor alcalde, xa que eu estaba actuando no seu nome». O mandatario contestoulle: «Pois, ¡que ahí mas dean todas!». Claro que non tódolos alcaldes son iguais e non reaccionan do mesmo xeito. Cando en A Pobra do Caramiñal un alcalde, penso que con boa fe, mandou secuestrar unhas publicacións, o xefe da policía local, dubidando da súa legalidade, escoitou: «baixo a miña responsabilidade» e, sen máis discusión, executou a orde. De seguro que iso foi o que pasou no chamado «caso Bono». Tales publicacións eran unha clara provocación política na coñecida polémica sobor do topónimo deste concello. Como todos sabemos, este feito dou lugar a un proceso penal con sentencia inicial de culpabilidade. Por certo, non acabo de entender por que La Coruña ten liberdade para incumprir a lei de toponimia, mentres que A Puebla do Caramiñal non. Pero aquel alcalde pobrense non foi tan vil e infame coma os que tiraron a pedra e agocharon a man polas detencións ilegais duns cidadáns nunha manifestación. Non señor, porque aquel era un político de talla e home de honra, algo que se bota moito en falla nestes derradeiros tempos en tódalas formacións. Deixando de lado a falta de ética deste caso e doutros moitos similares ou distintos sobor da chamada obediencia debida ou obediencia xerárquica, do que moitos excelsos xuristas se teñen pronunciado, penso que o tema ten un doado arranxo. Por exemplo, se houbese unha lei que establecese que as condeas que lles corresponderan a calquera funcionario pola execución dunha orde ilegal, obrigatoriamente tiveran tamén que ser aplicadas, co mesmo alcance e intensidade polos ordeantes. O problema está nos que fan as leis. Por iso sempre digo que prefiro un mal funcionario que un bo político.