LINGUA PROLETARIA | O |
06 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.CANDO, HAI uns días, líamos que o debate idiomático, nas novas reformas estatutarias, se centraba en se para un xuíz era un mérito ou un deber saber o idioma da autonomía, Pacucho contounos que cando emigrou a Inglaterra só levaba consigo a experiencia de toda unha vida como oficial albanel; e con tal bagaxe era consciente de que só podería traballar ás ordes dun capataz fillo da emigración, pero que nunca chegaría a capataz se antes non aprendía inglés. Pacucho tiña moi claro que, vivindo no teu país, coñecer un idioma estranxeiro é un mérito, pero vivindo no estranxeiro, coñecer o idioma dese país é un deber, por iso, unha vez en Londres, meteuse nunha escola nocturna para que non o tratasen de moinante. -Que se en vez de currante fose un enxeñeiro, poríanme tradutor. E tamén conta das risas que, cando neno, causaban na escola os cativos que non sabían falar ben en castelán. Tamén relata a vergoña tan grande que el pasou cando acusou a un compañeiro: «Don Florencio, avise a este que me está faciendo jabuchas con una paja en una orella»; e como desde aquela, para non sentir as gargalladas dos compañeiros nin do profesor, el nunca levantaba a man, e cando tiña que dar unha resposta, pensábaa ata tres veces para asegurarse de que non ía meter algunha jallejada que causase a risa de toda a aula. -Este niño es más lento que una tortuga. E como era tan lento, o profesor xa non perdía o tempo con el. O día máis feliz da súa vida foi cando os seus pais lle anunciaron que deixaba a escola para traballar. E antonte, mentres tomabamos unhas cervexas, asegurounos que el non estudou porque lle tocou un profesor que pensaba que, coñecer o galego para dar clase en Galicia, podía ser un mérito pero non unha necesidade; porque aquel escolante non sabía que tiña o deber de saber comunicar e facerse entender cos seus alumnos, e por iso, conclúe el, en Galicia, saber galego ten que ser condición indispensable para opositores a mestres, xuíces ou capataces.