Piscinas

JOSÉ RODRÍGUEZ CABEZA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

05 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

TEÑO BASTANTE curiosidade, nalgúns casos exultante e noutros de tristura, polos acontecementos de América do sur, onde hai persoas do meu sangue, polo que cando Evo Morales acadou o poder sentín certa ledicia, aínda estando nas antípodas do seu pensamento político, tendo en conta que o ascenso deste mestizo, dito no mellor sentido, é froito de moitos erros dos que se lle supón cordura nos plantexamentos políticos e na súa aplicación, xa que este boliviano ten razón no que atinxe á defensa dos seus intereses cos seus recursos, e mete o dedo na ferida do que máis lle doe a un occidente cego, xordo, coxo e mudo. Na Pobra, Isaac Maceiras, igual que outros alcaldes, topouse cunha pataca fervendo que antes Lendoiro lla arrebolara a Ramón Rego. Refírome ao tema das piscinas, porque o problema destas instalacións está no alto custo que supón quentar a auga. Pero a solución non está en privar á xente de que, non somentes poida disfrutar, senón tamén beneficiarse dun servizo coma este. Pois ben, a enerxía que precisan as piscinas da bisbarra e de Galicia está na nosa privilexiada situación para montar os, non sei por que, polémicos muíños de vento, favorecéndonos así do que é noso, como queren e deben facer os bolivianos. Moitas veces penso que algunhas persoas non son máis burras porque non adestran. Así non se pon ningún reparo en subvencionar alimentos velenosos e bérrase pola enerxía nuclear, cando un rigoroso traballo do xefe da Asociación Nuclear Mundial, Ian Hore-Lacy, amosa que é a menos contaminante e bastante máis segura do que se di, sendo a eólica, segundo este científico, a máis limpa e barata das ata agora coñecidas. Se a isto lle engadimos a posibilidade de queimar toxos para producir electricidade, poderiamos dicir que nos nosos montes hai tanta riqueza coma no subsolo de Bolivia. ¿Aproveitarémola?.