DENDE FÓRA | O |
28 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.OS ENTENDIDOS din que a historia dos museos é a historia do coleccionismo continuado para ser amosado á xente dun xeito público a partires de coleccións privadas antergas e coa democratización que supuxo a Revolución Francesa. De feito, a Unesco ocupouse deste tema a partir de 1948, cando se fixo cargo da Revista Museion, publicada dende 1927, pasando a chamarse Icom (International Council of Museum). Quere dicirse que a museoloxía, tal como a entendemos hoxe, é un fenómeno relativamente recente, pero incuestionablemente didáctico. Tamén cómpre suliñar que a valoración dos museos non está tanto en se están nalgún edificio emblemático de alto valor arquitectónico ou en pequenos espacios, senón no contido. A ribeirsense parroquia de Artes atopáse agora coa terceira fase do espallamento da, aínda, Colección Visitable, que non sei que requisitos lle faltan para darlle o recoñecemento oficial de Museo, adicada á temas do mar, aínda que eu teño unha predilección especial polo tear, que me retrotrae a cando era un neno e miña nai deixábame ao coidado dunha tecedeira ou tecelá, a tía Dolores, que o tiña en fronte da nosa casa. Era unha muller moi agarimosa que manexaba os fíos do liño saídos das rocas nas nosas lareiras, coma Paco de Lucía a guitarra. O impulsor da iniciativa, Manolo Reiriz, anda baixo de moral, xa que seica lle zurran algúns, entendendo que a súa idea é de pouco alcance. Pois ben, hai un pequeno concello murciano, Ceutí, que comezou con catro cousiñas e, non fai moito, as súas actividades foron comparadas coas da National Gallery de Londres e co Metropolitan de Nova York. Certo é que cando alguén leva adiante iniciativas deste tipo, non sempre ten o recoñecemento inmediato, pero, máis tarde ou máis cedo, sempre se impón a verdade. Así que, amigo Manolo, ánimo.