LINGUA PROLETARIA | O |
22 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.CANDO OS pais de Afonso emigraron, levaron aos dous fillos máis vellos, e el, o pequeno, ficou coa avoa, que lle contaba as cousas do pasado con afán de asegurar a memoria que ela xa ía perdendo. -Lémbrate desta lápida que é a do teu bisavó, e para que non te esquezas, ten presente que fica no lado da man coa que nunca vas escribir. Agora, Afonso lémbrase da súa avoa cos ollos envoltos nun brillo acuoso e cóntanos esas historias mirando de esguello para o fillo, constatando que a memoria se vai transmitindo, convencido de que só cando morren as lembranzas morren os finados, que os antepasados permanecen entre nós mentres permanece o seu recordo, mentres haxa alguén que rememore as súas fazañas. Estoutro día, nunha prolongada sobremesa de contos e recordos, Afonso citou a parentes que os demais xa non acordan, pois este meu amigo leva presente a árbore xenealóxica da familia cun amplo apéndice de anécdotas, polo que o irmán máis vello lle protestou, que sempre anda con contos de vellos. Afonso decatouse de que aquela protesta era froito dunha especie de ciúmes por non estar á altura en coñecementos familiares a pesar da diferencia de idade. E el, que hoxe en día padece o que nós chamamos a emigración de proximidade, vivindo nunha cidade galega pero arredado das paisaxes infantís, amósalle unha foto que repousa no chineiro, onde aparece con el, nunha romaría, súa avoa e a cadeliña que sempre os acompañaba enredada nas súas pernas. -Aprendín moitas cousas de vellos, porque coa avoa só quedamos a Tula e máis eu. O irmán máis vello recriminouno, que non fose celoso, e Afonso, sen lle sacar os ollos ao retrato da avoa, dixo mirando de esguello para o fillo: -Non son celos, só vos quero ensinar a fortuna que se perde dándolle as costas á terra.