Reciclaxe política

JOSÉ RODRÍGUEZ CABEZA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

21 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

CANDO AS cousas se perverten o resultado non pode ser outro que unha perversión, axioma tan evidente e claro que, como din as academias lingüísticas, non precisa demostración. E seguindo a miña costume nesta columna, vou tratar de facer algunhas comparanzas que, por certo, nada teñen que ver coas parábolas do Evanxeo. Téñolle moito cariño á mancomunidade Arousa Norte por varias razóns. Unha delas por ter sido o primeiro funcionario administrativo da mesma, baixo a dirección do que foi o meu guía e profesor na Administración, Manuel Muñiz Noal, naqueles intres o seu secretario e peza esencial no seu nacemento e obxectivos. Por iso, cando os catro concellos retomaron aquela idea, sentín moita ledicia, xa que sigo pensando que a forza está na unidade e non nos esnaquizamentos como, previsiblemente, se producirán nesta España das identidades nacionais. Do mesmo xeito que o proceso que estamos a vivir coa revisións dos estatutos de autonomía, o que menos fai a mancomunidade é mancomunar. Vexamos. ¿Que terá de común integrar a Casa Mariñeira pobrense e os seus xardíns co museo do mar na Casa do Coxo de Rianxo? ¿Que obxectivo conxunto supón a fonte luminosa do parque de A Cachada con pavimentar a rúa de Teruel en Ribeira? Calquera sabe que estas son obras de exclusiva competencia de cada concello, pervertendo a finalidade do ente supramunicipal. En realidade, o que se está a facer é disfrazar as subvencións da Xunta, Deputación e Estado para tapar a incapacidade orzamentaria propia. Galicia precisa da alta velocidade para cohesionarse co Estado, pero ¿cal é a realidade? Pois ben, o futuro de Barbanza pasa por levar adiante actuacións de conxunto e a mancomunidade debería dar exemplo. Claro que, para iso, probablemente haxa que comezar facendo unha reciclaxe política.