DENDE FÓRA | O |
31 mar 2006 . Actualizado a las 07:00 h.CON MÁIS ou menos fartura ou escaseza, sempre se recolle do que se sementa e, cando o que se sementa é corruptela, a recolleita está asegurada. Xa di o refrán: «fillo de porco, marrano seguro». Andan polas terras catalanas, que o extravagante Salvador Dalí definiu pictoricamente cun alegórico cadro, un espido chamado Meles máis doces que o sangue, desoterrando outra miseria máis da política, chamando a capítulo do 20% do seu salario á aqueles morosos que lle adebedan un posto de funcionario a un partido político. Se iso foi o tratado, deben cumprilo ou deixar o choio. Porque a política de hoxe xa non é aquel sentimento altruísta, entre romántico e vaidoso, que noutro tempo exercían algunhas persoas cando se adicaban á xestión pública, coma aqueles alcaldes que non cobraban e, moitas veces, poñían cartos dos seus petos, cousa que moitos pensaban que tiña trampa. Pode que si ou que non, pero a verdade é que algúns non cobraban, do que eu son testemuña no caso de Segundo Durán, como Paco Vázquez o proba cun certificado publicado neste xornal. Pero, entón, ¿de que vivían?, dirán moitos. Do mesmo xeito que o carismático alcalde coruñés compatibilizaba a alcaldía co cargo de deputado ou senador, o pobrense Durán Casais vivía dos seus negocios e, despois, tamén como deputado. Tampouco Torres Colomer tiña soldo do Concello mentres foi presidente da Deputación. Non se trata de que este tipo de persoas teñan que estar en apuros, por iso non comparto as críticas que se fixeron polo axuste salarial dos parlamentarios da Xunta, senón de autolimitarse eticamente, o que lexitima e dá forza á autoridade dos que teñen que impoñer the rule of law (a forza da lei), que din os anglosaxóns. Como dixo o sociólogo Durkheim, o noso primeiro deber, hoxe, é construír unha moral. Para mostra o que está a pasar en Marbella.