VICTORIANO GARCÍA MARTÍ
30 mar 2006 . Actualizado a las 07:00 h.En 1906 edítase en Madrid Fidelidad , a primeira obra teatral do pobrense García Martí (1881-1966), estreada en Vigo en 1905. O autor destacou como ensaísta, xornalista e narrador, pero sentiu tamén atracción pola escena, na que logrou o maior éxito con La tragedia de todos (1927), obra simbólica e filosófica, propia dun teatro de ideas, con pouca acción, máis para ler que para representar. É o teatro dun liberal de raíz cristiá, formado á sombra de Bergson, tolerante e antidogmático, un teatro valorado por críticos como Ramiro de Maeztu e Manuel Bueno. En 1941, pouco despois de saír do cárcere onde o tivera o franquismo pola súa vinculación a Azaña, publicou a peza La voz de los mitos , onde dialogan Don Quixote, Don Juan, Hamlet e Fausto, na que, seguindo a lección de Cervantes, se dubida da realidade. Foi a súa derradeira obra teatral, que non merece o esquecemento, aínda que é certo que o seu mellor labor literario está en novelas como Don Severo Carballo , en ensaios como Del mundo interior (1911), Rosalía de Castro o el dolor de vivir (1944) ou Don Quijote y su mejor camino (1948), sen esquecer o seu traballo como sociólogo, mesmo en lingua francesa.