Os seres humanos somos contradictorios por natureza. Na Pobra do Caramiñal temos un exemplo elocuente. O nome da fermosa vila barbanzá contén unha dualidade que presenta de xeito simbólico a eterna contenda entre os seres humanos e a natureza. Pobra. Pobo. Poboado. O afán bíblico de dominar o mundo moveu aos nosos devanceiros a ocupar espacios e, co decorrer do tempo, pasamos do poboado ao pobo, do pobo á vila e da vila á cidade. E a progresión continúa de xeito imparable. Caramiñal. Caramiña. Camariña. ¿Aínda vive na memoria de alguén o recendo ácido da pequena e vivaz planta que antano vivía na casa do mar: nas dunas e nas praias? . En poucas décadas o caramiñal que viu nacer unha Pobra á súa beira foi engulido por ela. A camariña é unha planta portentosa capaz de sobrevivir nun dos hábitat máis inhóspitos da natureza, as dunas e areais costeiros. As súas raíces esténdense por debaixo da area e porfían buscando auga e nutrientes e loitan contra a desecación que provoca o sal. O punto forte da camariña é a súa extensa e eficiente raíz, pero tamén é o seu punto fraco, é tan fráxil que non soporta o pisoteo. Porque os outrora baleiros areais costeiros foron de súpeto invadidos por hordas de bípedos case espidos embadurnados de Nivea after sun e por outros conxéneres ao lombo de grandes máquinas que edificaron, e seguen urbanizando e axardinando ata o último recuncho da estreita franxa litoral. No Cumio da Terra celebrado en Río de Xaneiro en 1992 case todos os países do mundo, entre eles España, asinaron un convenio comprometéndose a protexer a súa biodiversidade. Non só as especies en perigo de extinción, senón tamén os ecosistemas que as albergan e cuxa preservación é imprescindible para a supervivencia daquelas. ¿Poderán aproveitar as humildes camariñas o ritmo que o Convenio de Río quere imprimir sobre as relacións dos seres humanos coa natureza? ¿Darémoslles a oportunidade de sobrevivir ou condenarémolas a ser só o eco da Arcadia perdida? Está nas nosas mans.